A Xunta insiste en defender o sector mineiro e di que é un "aliado"

Conde di que hai que apostar por este sector para afrontar o desafío do abastecemento de materias primas na industria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2021 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defendeu este luns a aposta por unha minaría "sustentable" e un "aproveitamento razoable" dos recursos naturais de Galicia para lograr o desenvolvemento industrial e afrontar o desafío do abastecemento de materias primas para o sector.

Así o trasladou durante a súa intervención na inauguración das xornadas 'Minerais estratéxicos para a industria galega', que levan a cabo ata o mércores nas instalacións da Cidade da Cultura, onde reivindicou a importancia de compatibilizar esta actividade co respecto ao medio natural.

Conde apelou ao contexto actual para incidir na importancia de afrontar o reto do abastecemento, situando como exemplo a crise dos microchips no caso da industria da automoción.

"A industria e a minaría son dous vectores inseparables desde o punto de vista do proceso de sustentabilidade cara ao cal camiña o tecido produtivo e a nosa economía, polo que temos que, cada vez con maior intensidade, vincular todas as actividades mineiras á propia industria", apuntou.

Neste sentido, destacou que a 'Estratexia de Minaría Sustentable' na que traballa a Xunta busca favorecer a economía circular, acompañar "as necesidades do sector industrial e o desenvolvemento da propia minaría" e compatibilizar o respecta o medio ambiente coa creación de emprego e oportunidades.

O titular de Economía reiterou que o acceso a determinados materiais "vai ser vital" no camiño cara a esa transformación tecnolóxica e enerxética, en particular para sectores estratéxicos como o da automoción, o naval ou o sector TIC.

É por iso que insistiu na necesidade de diminuír a dependencia da industria de determinadas materias primas e situar ao sector mineiro en aliado para a modernización das principais cadeas de valor.

Mina. ECOLOXISTAS EN ACCIÓN
Mina. ECOLOXISTAS EN ACCIÓN

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta