O avogado da familia da vítima do Birloque defende que foi un asasinato e non descarta "certa preparación"

A muller non tivo capacidade de defenderse tras recibir catro puñaladas presuntamente por parte da súa parella

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 20/09/2021 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

O avogado da familia da muller achada morta no seu domicilo do Birloque, na Coruña, argumentou que os feitos son, ao seu xuízo, constitutivos de asasinato e non descartou que puidese existir "certa preparación" por parte do detido, a parella da falecida.

Concentración en repulsa ao crime machista rexistrado na Coruña, a 18 de setembro de 2021
Concentración en repulsa ao crime machista rexistrado na Coruña, a 18 de setembro de 2021 | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Así o manifestou o letrado, Guillermo Mosquera, despois de que este domingo o xulgado de garda decretase prisión provisional, comunicada e sen fianza para o home, de 48 anos, detido como presunto autor da morte da muller, de 52 anos.

Segundo confirmaron desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), á parella da falecida se lle atribúe un delito de homicidio doloso cos agravantes de aleivosía e asañamento.

No entanto, en base ás agravantes, o avogado da familia considerou que os feitos son constitutivos de asasinato. Con todo, lembrou que agora, tras inhibirse o xulgado en favor do de Violencia sobre a Muller, empeza "toda a instrución" no mesmo.

Pendente do informe da autopsia realizado á vítima, fontes próximas ao caso confirmaron que a muller non tivo capacidade de defenderse tras recibir catro puñaladas.

O seu fillo foi quen atopou o seu corpo con feridas de arma branca no número cinco da rúa Juan Darriba onde residían, no Birloque.

Os feitos producíronse o mércores, aínda que o corpo non foi localizado ata a madrugada do xoves cando o fillo regresou de traballar. A parella da muller foi detida en Madrid, onde se desprazou en avión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta