Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 26/09/2021 | Actualizada ás 11:00
Para manifestarmos que unha persoa é moi pouco agraciada fisicamente, en castelán estamos afeitos a oír que é un callo, ou, en menor medida, que é fea como un callo.
Vexamos neste artigo secuencias expresivas propiamente galegas que dan conta desa mesma realidade (artigo que neste caso imos dividir en dúas partes, dado o considerable volume delas que temos compilado):
Ser (feo como) un callo
{= Ser moi fea unha persoa.}
Ser (feo coma) un croio
Ser (feo coma) un corno
Ser (feo coma) un corvo
Ser (feo coma) un lorcho
Ser (feo coma) un escacho
Ex.: Ya sé que mi marido no es allá muy guapo, o, si queréis, que es un callo, pero os puedo asegurar que es la mejor elección de vida que pude haber hecho nunca.
Xa sei que o meu marido non é alá moi guapo, ou, se queredes, que é (feo coma) un croio ‡ (feo coma) un corno ‡ (feo coma) un corvo ‡ (feo coma) un lorcho ‡ (feo coma) un escacho, pero pódovos asegurar que é a mellor escolla de vida que puiden facer xamais.
● Tamén:
Ser feo coma un moucho # feo coma un calleiro # feo coma o demo # feo coma un can # feo coma un teixugo # feo coma un entroido # feo coma un sapo # feo coma o/un escaravello da bosta # feo coma a morte && Ser (feo) coma a culpa # (feo) coma o/un pecado # (feo) coma os pecados # (feo) coma os meus pecados && Ser feo para can
Ex.: Xa sei que o meu marido non é alá moi guapo, ou, se queredes, que é feo coma un croio ‡ feo coma un calleiro ‡ feo coma o demo ‡ feo coma un can ‡ feo coma un teixugo ‡ feo coma un sapo ‡ feo coma a culpa ‡ feo coma os pecados ‡ feo para can, pero pódovos asegurar que é a mellor escolla de vida que puiden facer xamais.
● Tamén, aplicado a unha persoa moi pouco agraciada fisicamente e gorda:
Ser (feo coma) un croucho
● E inda tamén:
Ser feo coma unha noite sen lúa # feo coma unha noite de tronos # feo coma un carozo # feo coma un oso # feo coma a cabeza dun sapo && Ser máis feo ca cuspir no caldo
NOTAS:
1. Nótese que malia no artigo facermos constar unicamente a comparativa de igualdade (feo coma), tamén resulta igualmente admisible a comparativa de superioridade (máis feo ca).
Ex.: É máis feo ca un croio ‡ ca un corno ‡ ca un corvo # etc.
2. Téñase en conta que varias das secuencias galegas –inda que practicamente sempre precedidas das secuencias comparativas feo coma ou máis feo ca– tamén se empregan en contextos para facer referencia a un animal ou cousa que nos resultan moi pouco agradables á vista ou antiestéticos.
Ex.: A casa valer valeríalle máis de medio millón de euros, pero éche feíña coma un croio ‡ éche feíña coma un corno ‡ éche feíña coma un corvo ‡ éche feíña coma a culpa ‡ éche feíña coma o demo ‡ éche feíña coma os meus pecados ‡ éche máis fea ca pegarlle a un pai ‡ éche máis fea ca cuspir no caldo...
3. É de supoñer que a locución substantiva escaravello da bosta (tirada do traballo “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”, de María Victoria Cerviño Ferrín) fai referencia ó que en castelán se coñece como escarabajo pelotero.
4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html.
- Departamento de Cultura do Concello de Muxía: “Proxecto Buserana”. No seguinte enderezo de Internet: http://proxectobuserana.concellomuxia.com/a-benvida-ao-proxecto-buserana/
- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/
- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:
- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.
- Martínez Blanco, Xulián & Veiga Alonso, Serxio: “Fraseoloxía galega de peixes e outros animais mariños”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 155-173. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martínez [actualmente, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Real Academia Galega: Portal das Palabras. No URL https://portaldaspalabras.gal/.
- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.