Soben a 84 os novos contaxios de Covid-19 en Galicia e os pacientes hospitalizado baixan a 79

Os casos activos manteñen a tendencia descendente e caen a 1.819 e a taxa de positividade aumenta lixeiramente a un 2,8%

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2021 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

Os novos contaxios de Covid-19 aumentan a 84 en Galicia, pero seguen por baixo do centenar, mentres que os casos activos manteñen a tendencia descendente e sitúanse en 1.819 a puno de iniciarse o otiño. Os pacientes hospitalizados por este coronavirus redúcense a 79 --oito menos que a xornada anterior-- e a taxa de positividade aumenta lixeiramente a un 2,8 por cento.

Segundo os datos actualizados pola Consellería de Sanidade este mércores, con rexistros ata as 18,00 do martes, baixan a 23 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid --unha menos-- e a 56 as que se atopan noutras unidades --sete menos--. Polo seu lado, hai 1.740 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

A presión hospitalaria baixa en tres áreas sanitarias --A Coruña e Cee, Lugo e Vigo--; aumenta lixeiramente na de Ourense, que conta con cinco pacientes Covid en UCI --un máis-- e oito noutras unidades --sen cambios--, mentres que se mantén nas outras tres --Pontevedra e O Salnés, Santiago e Barbanza e Ferrol--.

En concreto, na da Coruña e Cee seguen oito pacientes ingresados pola Covid-19 en UCI e descenden a 14 os doutras unidades --tres menos--; e na de Vigo baixan a catro os críticos --dous menos-- e a tres os hospitalizados noutras unidades --un menos--.

Na de Lugo descenden a tres os pacientes Covid en UCI --un menos-- e a 13 os ingresados noutras unidades --dous menos--; mentres que na área de Santiago e Barbanza aumentan a dúas o críticos --un máis-- e baixan a oito os doutras unidades --un menos--.

Sen cambios seguen as de Pontevedra e O Salnés, cunha persoa en UCI e sete noutras unidades; e a de Ferrol, sen críticos desde a xornada do martes e con tres noutras unidades de hospitalización.

CASOS EN DESCENSO

Os casos activos continúan en descenso no conxunto de Galicia e sitúanse en 1.819, que implican 107 menos que os rexistrados a xornada anterior, ao haber de novo máis altas (189) que contaxios (84), ao que se suman dúas vítimas mortais. Por iso, Galicia mantense por baixo dos 2.000 casos activos de Covid-19 ao termo do verán, que implica niveis de finais do pasado mes de xuño.

En concreto, as infeccións activas volven descender en seis das sete áreas sanitarias, salvo na de Ourense, na que aumentan lixeiramente (+2). Á cabeza na baixada está a da Coruña e Cee (-43); seguida da de Vigo (-28); Lugo (-13); Pontevedra e O Salnés (-9); Santiago e Barbanza (-8) e Ferrol (-8).

Por tanto, con máis casos activos de Covid-19 continúa a da Coruña e Cee, con 462; seguida da de Vigo, con 344; Lugo, con 343; Santiago e Barbanza, con 264; Ourense, con 225; Pontevedra e O Salnés, con 130; e á cola mantense Ferrol por baixo do centenar, con 51.

AUMENTO DE CONTAXIOS

Os contaxios de Covid-19 aumentaron a 84, o que supón 36 máis que os 48 da xornada anterior, tras arrincar a semana con 61, polo que se manteñen ao termo do verán por baixo do centenar.

En concreto, os positivos con probas de diagnóstico de infección activa confirmados nas últimas 24 horas ascenderon a 86, que implican 38 máis que a xornada pasada. Do total, 20 corresponden á área de Lugo; 19, á área de Vigo; 17, á de Ourense; 13, á de Santiago e Barbanza; nove, á de Pontevedra e O Salnés; seis, á da Coruña e Cee; e dous, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das probas PCR --número de infeccións detectadas cada 100 test-- aumenta a un 2,8 por cento, tras situarse nun 2,7% a xornada anterior despois de comezar a semana nun 1,5%. Así, segue por baixo do 5% que a OMS determina como limiar para considerar controlada a pandemia.

Varias persoas na terraza dun bar, a 18 de setembro de 2021, na Coruñ / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press
Varias persoas na terraza dun bar, a 18 de setembro de 2021, na Coruñ / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta