Hablamos Español usa un recurso de Vox para levar a ordenanza lingüística da Coruña ante o TSXG

Lembran que o Tribunal do País Vasco, ante un recurso da formación de ultradereita, elevou unha cuestión similar ao Constitucional.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 23/09/2021 | Actualizada ás 10:37

Comparte esta noticia

A asociación Hablamos Español, que dirixe a impulsora de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a ordenanza de usos lingüísticos do Concello da Coruña, posto que a consideran "un proxecto de enxeñaría social para cambiar a lingua das persoas".

Nun comunicado, a asociación sinalou que os regulamentos de uso do galego dos concellos de Galicia "discriminan" ás persoas que prefiren usar e ser atendidas en español e "son un exemplo do monolingüismo" e de "falta de respecto á cooficialidade lingüística".

Respecto da ordenanza coruñesa, esta entidade de defensa do español considera que, no seu preámbulo, "cuéstionase a condición de verdadeiros galegos a quen teñen como lingua propia o español".

"O texto é unha sucesión de artigos nos que se exclúe o uso oficial do español e erradícase da vida municipal, e mesmo se propón restrinxilo no ámbito privado", asegura a asociación, que incide en que, ademais de "establecer o galego como lingua de todo o visible e invisible", ditamínase que "o Concello irá máis aló e actuará sobre todos os ámbitos da sociedade".

No recurso tamén piden ao TSXG que eleve ao Tribunal Constitucional (TC) unha cuestión de inconstitucionalidade contra a Lei de Administración Local de Galicia, xa que --segundo sinalan-- o seu artigo 7, "no que se basean nos concellos para redactar estas ordenanzas que atentan contra a plena oficialidade do español", ten visos de inconstitucionalidade por tal motivo.

A este respecto destacan que o Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (TSJPV) ante un recurso de Vox, elevou unha cuestión dese tipo ao Constitucional, ao considerar que "dota ao eúscaro dunha supremacía exorbitante respecto ao español", polo que solicitou ao TC que determine se ese artigo vulnera o "equilibrio" que, "segundo a Constitución, ha de garantirse entre as linguas cooficiais do Estado", lembran no comunicado.

Hablemos Español, unha iniciativa para impulsar o castelán
Hablemos Español, unha iniciativa para impulsar o castelán

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta