Os galegos sen vacinar poderán pedir cita por WhattsApp a partir deste xoves

A xunta busca chegar ao "100%" da vacinación con esta nova canle.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

Os galegos que aínda están sen vacinar contra a covid-19 poderán pedir cita desde este xoves enviando un WhattsApp ao número de teléfono 981 21 59 30. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao termo da reunión semanal do Consello, que este xoves se reuniu en Santiago de Compostela. Con esta medida, segundo indicou, a Xunta busca "flexibilizar e facilitar" o proceso para buscar a complicidade do 100% da poboación".

Preguntado pola subministración de vacinas, o máximo mandatario autonómico lembrou que o seu Executivo leva tempo trasladando ao Goberno a súa "desconformidade" coa distribución. "E acreditamos que hai comunidades ás que lle caducaron as vacinas. Non era unha cuestión política; era unha cuestión obxectiva, loxística", sostivo.

Neste sentido, o presidente galego dixo que hai autonomías nas que o 20% da poboación "só necesita unha única dose por pasar a covid". Fronte a iso, sinalou que en Galicia só o "5% necesita unha única dose porque só o 5% pasou a covid". Tras lamentar que ao longo do verán non se fora capaz de "liquidar este asunto", atribuíu a esta distribución por parte do Goberno o feito de que Galicia fose "durante semanas" a comunidade autónoma con menos número de vacinas xunto con Cataluña.

"Isto son datos obxectivos", incidiu para deixar claro que Galicia non quere "vacinas para manter na neveira nin para que caduquen. Estamos a axustar a demanda ás vacinas que necesitamos para dispensar", explicou.

Tras citar os prazos de administración entre primeiras e segundas doses dos antídotos de Pfizer e Moderna, Feijóo dixo que a Xunta pide "vacinas para segundas doses", tendo en conta que, aínda que se está "ao límite", para a primeira hai "suficientes".

"O que podo asegurar é que nunca pedimos vacinas por pedir, nunca nos caducaron, polo menos con carácter xeral, vacinas nas nosas neveiras", apuntou para subliñar que a Xunta reclama unha distribución de acordo "con datos obxectivos" e "epidemiolóxicos" de cada unha das comunidades e "non simplemente con datos grosos de número de poboación".

Vacinación cotra a covid-19 no Hospital Marítimo de Oza / M. Dylan - Europa Press.   / Europa Press
Vacinación cotra a covid-19 no Hospital Marítimo de Oza / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta