Os bombeiros forestais de Galicia denuncian unha "precariedade" que "aumenta" o risco de incendio

Aseguran que algúns dos efectivos levan "máis de 12 anos" á espera dun incremento nos seus tempos de traballo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

Os bomebeiros forestais en réxime fixo-discontinuo seguen a súa campaña de mobilizacións pola "gravísima precariedade laboral" do seu modelo de contrato. Despois dunha xornada de manifestacións ante a delegación da Xunta en Lugo, desta vez foi a quenda de Santiago de Compostela. Os traballadores dependentes da administración autonómica concentráronse ante a consellería de Medio Rural en San Caetano contra un modelo de contratación que, din, non abonda para prever contra lumes como o que calcinou máis de 1.400 hectáreas en Ribas do Sil. 

Incendio forestal en Galicia, bombeiros e veciños dos pobos tentando apagar o lume prendido nos montes galegos
Incendio forestal en Galicia, bombeiros e veciños dos pobos tentando apagar o lume prendido nos montes galegos | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Na mobilización aseguraron que seguen a ser contratados soamente durante 6 meses ao ano o que, ao seu entender, “atenta directamente contra a profesionalización do dispositivo, impide acadar os obxectivos de prevención de incendios forestais e reduce a operatividade dun servizo público de emerxencias esencial para a defensa dos intereses das galegas e galegos”.

Dende a CIG cifran en máis de 600 efectivos os "esquecidos" pola Xunta de Galicia, algúns deles "tras máis de 12 anos" á espera dunha ampliación do tempo de traballo dos seus contratos. "Unha situación tanto máis preocupante canto que, segundo explicaron, nestes intres, en pleno período de alto risco de incendios, son numerosas as prazas vacantes sen cubrir, o que engadido a non cobertura de incapacidades temporais, permisos ou licencias, segue a provocar unha diminución da capacidade de resposta do dispositivo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta