Así "oculta" a Xunta os datos da covid nos colexios ante a emerxencia de contaxios

Os centros públicos trocaron no grande foco de positivos ante a falta de inmunización dos alumnos. A CIG acusa á Xunta de "falta de transparencia" nos datos pouco despois de que Educación lanzara un protocolo moi criticado por relaxar as medidas de seguridade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

Nova denuncia a respecto da xestión dos datos de contaxios por parte da Xunta de Galicia. Desta vez, é a CIG quen pon o foco sobre a "falta de transparencia" da administración autonómica, problemática que o sindicato focaliza na Consellería de Cultura, Educación e Universidade, responsable das cifras de incidencia nos centros educativos.

Un neno asómase ás portas do CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022 en Educación Infantil e Primaria. Carlos Castro - Europa Press
Un neno asómase ás portas do CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022 en Educación Infantil e Primaria. Carlos Castro - Europa Press

A formación acusa así á Xunta de "pretender esconder" as cifras de contaxios en escolas e institutos. Segundo apuntan as mesmas fontes, no curso 2020/2021, a Consellería comezou a publicar os datos de afectación en escolas, pero "sen diferenciar en ningún caso se os casos eran de alumnado, de profesorado ou doutro persoal dos centros educativos".

Con todo, agora a Xunta estaría a dar "un paso máis na ocultación dos datos da covid-19 nos centros educativos" ao decidir que non se proporcionen de martes a sábado como no curso pasado senón cun único informe semanal, segundo destacan dende a CIG. "O que manteñen é a falta de información sobre grupos afectados: profesorado, alumnado ou resto de persoal dos centros educativos", inciden.

A formación fai fincapé tamén en que, a día de hoxe, séguese sen contar cun informe pormenorizado sobre os efectos da pandemia no curso pasado, "un informe por grupos de idade, por sectores profesionais, por zonas xeográficas, por tipoloxía de centros, por ratios das aulas afectadas… algo ao que se comprometeu o conselleiro de Sanidade no Consello Escolar de Galiza do 30 de agosto de 2021 en resposta á intervención da CIG-Ensino".

O sindicato esixe que se coñezan os datos pormenorizados do ano anterior pero tamén deste. A problemática chega despois de que a Xunta recibira críticas por ter relaxado o protocolo ena aulas a pesar de que o groso dos adolescentes seguen sen vacinar. Os últimos dous concellos que subiron ao nivel medio de restricións fixérono como consecuencia dos gromos rexistrados en centros educativos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta