Por E.P. | OURENSE | 23/09/2021 | Actualizada ás 21:04
O condutor dunha furgoneta resultou ferido tras chocar o seu vehículo contra un autobús escolar en Vilamarín. Tanto os menores que viaxaban no autobús canto o seu condutor e a monitora resultaron ilesos. Pola contra, si foron necesarios os servizos sanitarios para evacuar ao home que manexaba a furgoneta.
Ao fío das 15,00 horas desta tarde, o 112 Galicia recibiu unha chamada de alerta solicitando axuda para un home que había resultado ferido tras chocar a súa furgoneta contra un autobús escolar na estrada de Cristoble, ao paso pola parroquia de Reádegos, no concello ourensán de Vilamarín.
Segundo a información facilitada ao 112, o dez nenos que viaxaban no autobús estaban todos ben. Con todo, o condutor do outro vehículo necesitaba asistencia sanitaria urxente. O 112 deu aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, de inmediato, comunicou a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar dos feitos.
Co fin de prestar apoio ao equipo médico, desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos bombeiros do Carballiño, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Autonómica e dos efectivos de Protección Civil de Vilamarín.
Unha vez no punto, os equipos de intervención confirmaron ao 112 Galicia que foi necesario interromper a circulación na estrada para facilitar os labores de aterraxe da aeronave e tamén da posterior retirada dos vehículos sinistrados. Finalmente, o ferido foi evacuado en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.
RESCATE EN NEDA
Os Bombeiros de Ferrol rescataron a unha muller que resultou ferida ao caer nunha zona de difícil acceso preto da fervenza de Belelle, no concello coruñés de Neda.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Ferrol tiveron que acudir ao lugar para axudar a trasladar á muller ferida ata a ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, na que foi posteriormente trasladada ao Hospital Arquitecto Marcide.
Foi a chamada da propia afectada ao 112 Galicia ás 13,00 horas o que permitiu activar o operativo de rescate, no que tamén interviñeron os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Neda. Ademais, desde o 112 tamén se pasou aviso aos axentes da Garda Civil.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.