'Kellys', a cara precarizada da opulencia turística: cando o traballo quita a saúde

O regreso do sector do turismo tralos peches impostos pola pandemia volveu poñer no foco a precariedade laboral. As camareiras de hotel, que a base de loita saíron da invisibilidade hai uns anos, viron aumentada a carga de traballo e reducidos os seus dereitos laborais nos últimos tempos. Un mundo "sinistro", contado aquí por quen mellor o coñece.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Traballas a correr, sen tempo a nada. Só abrir unha habitación e atoparte todo feito un desastre prodúceche angustia e taquicardias, pensas que non vas poder sacar o traballo adiante”. Isabel Montenegro estivo empregada como camareira de hotel case media vida, ata que o Grupo Hotusa entrou a xestionar o Gran Hotel La Toja e a botou no ano 2015. Tralo seu despedimento, acudiu como representante das Kellys ao Parlamento Europeo e máis adiante foi nomeada presidenta da asociación Unión Kellys Galicia. “Eu sempre busquei reivindicar os dereitos que nos corresponden como traballadoras e como mulleres”, asegura, mentres atopa no seu avó, que “dicía cousas moi sabias”, o referente polo que ela segue loitando aínda hoxe, a piques de xubilarse.

Unha camareira de hotel limpando unha habitación
Unha camareira de hotel limpando unha habitación | Fonte: EFE

O das limpadoras de hoteis é un deses sectores onde se fai patente a división sexual do traballo en base aos roles de xénero patriarcais. Está altamente feminizado, precarizado e cunha alta porcentaxe de mulleres procedentes doutros países. As pegadas deste duro traballo ao que Isabel dedicou máis de 30 anos quedaron no seu corpo. “A que non ten hernia discal ten o túnel carpiano operado. Os brazos, as rodillas, os hombros, a espalda… témolos desfeitos. Eu sufro uns dolores horrorosos, hai veces que teño que chegar a usar bastón”, relata. Isabel tampouco pode utilizar xeles, nin lixivias, nin limpadores, posto que o uso continuado de químicos derivou nunha alerxia que a limita en situacións cotiás. "Cústame respirar". “Agora, afortunadamente, hai menos produtos abrasivos e máis inspeccións”, pensa na xente moza; “mais a min, isto xa me queda de por vida”.

Se ben xa non traballa neste sector, Isabel mantén contacto con moitas traballadoras en Galicia ao longo de todo o Estado. O regreso do colectivo das 'Kellys' ao traballo nesta última tempada estival veu acompañado dunha precariedade laboral acentuada pola crise, o aumento da carga de traballo derivado dos protocolos de desinfección covid e o incivismo dalgúns turistas no coidado das habitacións. Poucas empregadas se prestan a contar a súa realidade. “A xente escóndese, hai medo a que as empresas tomen represalias” contra elas e moitas dependen deses pequenos soldos para vivir e manter os seus. De feito, "igual que se vai á vendima", moitas traballadoras galegas marchan nos veráns para Canarias ou Baleares, onde "traballan coma burras", di Isabel. No círculo máis achegado coméntase que mesmo algunha muller se viu obrigada a manterse no seu posto de traballo a pesar de ter síntomas de Covid.

Para Isabel, a semente da precariedade atópase no modelo de ratios e na política de externalización dos servizos de limpeza por parte de grandes cadeas, pola cal as traballadoras deixan de formar parte do cadro de persoal dos hoteis para ser subcontratadas a través doutras empresas. E o antídoto a esa precariedade, di, pasa polo sindicalismo: "Debería ser obrigatorio desde que se ten un contrato".

A CHEGADA DAS GRANDES CADEAS HOTELEIRAS

“Co tema das ratios, estanlles pedindo facer ata 24 habitacións en só seis horas, iso é horroroso; e se non das, tes que poñer do teu tempo”. Isabel viviu xustamente ese cambio de modelo. “A miña experiencia foi marabillosa e traballaba con harmonía ata que comezaron a vir as cadeas”. Concretamente no seu caso, Hotusa, un imperio que o chamado ‘Amancio dos hoteis’ -Amancio López Seijas- levantou a base de despedimentos e subcontratas. O empresario entrou a xestionar o Gran Hotel La Toja no ano 2015 recortando custos en persoal a través da reforma laboral que puxo en marcha o expresidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, amigo íntimo del.

Isabel Montenegro (esquerda) e Montse Arca (dereita) relatan as súas vivencias como camareiras de hotel en Galicia
Isabel Montenegro (esquerda) e Montse Arca (dereita) relatan as súas vivencias como camareiras de hotel en Galicia | Fonte: remitidas

“Non respectaron nada do que prometeran, en canto chegaron, despediron. Dun cadro de persoal de 75 traballadoras quedaron ao redor de 30, e todas, agás unha, con contratos fixos discontínuos”. Se antes se mantiña o traballo durante o ano enteiro, agora só empregaban durante meses determinados. Isabel foi unha das afectadas por eses despedimentos. “Eu armáballes moito alboroto”, di con sorna. Chegou a demandar pero o día do xuízo decidiu abandonar. "Sei que se me reincorporaba me volverían botar á semana seguinte", recoñece.

A experiencia de Montse Arca é similar. Estoutra muller traballou uns cinco anos como camareira de pisos en empresas externas para a cadea Hotusa en Santiago de Compostela, onde lle esixían “ratios imposibles”: “só tiñamos 20 minutos por habitación, fose individual, dobre, triple ou cuádruplo, estivese decente ou desastrosa”. O seu soldo roldaba os 800 euros mensuais por seis horas diarias de traballo (sen contar “todo o tempo que regalaba”), mais o habitual, indica, era cobrar uns 600 euros ou mesmo 400 no caso dos contratos de formación para “rapazas que na realidade traballaban tanto ou máis ca min”. Ela, coma moitas outras Kellys, foi empregada "en fraude de lei", isto é, "cobrando como extra" cando debía estar indefinida.

Este é un mundo moi sinistro, cheo de trampas, e a pandemia só veu a empeoralo”, engade. Ela, igual ca Isabel, uliu o engano de lonxe. “Hotusa é unha secta. Non me puxo unha pistola no peito, pero case. Dicíanme: ‘ti firma [o contrato coa empresa externa] e logo xa miramos os dereitos’. Nunca se loitou. Subrogáronnos no Grupo Constant no 2018 e aí xa caemos moitas”. Pouco antes de ser despedida dérona de baixa na Seguridade Social. “Fixérono para que perdese a antigüidade e así finiquitarme só por uns cantos meses”, asegura. Case dun día para outro, quedou na rúa. Montse acabou cobrando unha indemnización por despedimento improcedente e abrindo a súa propia empresa de limpeza, Welcome Services Limon. 

OS RISCOS PARA A SAÚDE MENTAL

Ás compañeiras que quedaron “fixéronlles a vida imposible”. Ademais das marcas do traballo no corpo, no colectivo das Kellys atópase un exemplo perfecto das vinculacións entre a precariedade laboral e os problemas de saúde mental. “Moitísimas camareiras toman ansiolíticos e batallan coa depresión”, resalta Isabel. Ás “rapaciñas novas”, moitas delas fillas das súas antigas compañeiras de traballo, non lles recomenda meterse neste mundo. “Se podedes, estudade”, dilles. A carga de traballo provoca unha competitividade entre as propias traballadoras que as leva a situacións límite por un soldo que nin sequera lles dá para vivir. “O estrés é o que acaba coa nosa saúde mental. A xente está desquiciada. Imos a contrarreloxo e iso provoca pelexas entre nós mesmas”, engade Montse.

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, apuntaba precisamente hai semanas a necesidade de entender o deterioro de saúde mental como un problema, en moitas ocasións, de “orixe laboral” e que debe, polo tanto, trascender a individualidade para alcanzar unha análise (e resposta) estrutural e política, ao tratarse dun problema colectivo que afecta a boa parte da clase traballadora.

Un estudo do grupo de investigación da Universidade de Barcelona xunto a ISTAS-CCOO concluiu que traballar a ‘alta tensión’ aumenta un 34% as posibilidades de padecer unha cardiopatía coronaria, un 24% o infarto cerebral e un 82% a depresión e ansiedade. Galicia sitúase xunto con Asturias á cabeza nos casos destes dous últimos problemas de saúde mental no Estado e, ademais, ocupa os primeiros postos no que respecta ao consumo de antidepresivos, segundo os datos recollidos na última Enquisa Nacional de Saúde do Instituto Nacional de Estatística (INE). 

A meirande parte das camareiras de hotel (o 70%) vense obrigadas a automedicarse para soportar a carga de traballo. Outro estudo desenvolvido no ano 2019 por parte de Comisións Obreiras deterrminaba que entre os fármacos máis habituais das Kellys están os relaxantes musculares, os antiinflamatorios, analxéticos e ansiolíticos. “Os empresarios teñen burros de carga, non persoas que senten e padecen, pero a solución a todo isto é tan facil coma que o empresario se dea conta de que un traballador contento rende como persoa e media”, indica Isabel.

Cando esta antiga traballadora vai de hotel coa súa familia, sempre se fixa na expresión da faciana das camareiras. Sabe perfectamente detectar cando traballan felices e cando non poden coa alma. “Nótase no distendidas que se moven, en se teñen cara alegre ou se van reventadas e estresadas. Son da vella garda”, di. “Intento deixar todo en perfectas condicións. É unha cuestión de respecto que todo quede coma cando entraches na habitación”, expresa ao fío das denuncias das camareiras de hotel pola “leoneira” que atopan en moitas estancias. 

CREAR O TEU PROPIO CAMIÑO

Montse Arca, desde o día en que foi despedida, tiña claro que por aquela experiencia non quería volver pasar. Así que decidiu desafiar ese eterno 'é o que hai' do empresariado e construir un camiño diferente. Montou unha empresa de servizos de limpeza hai dous anos e medio e rema nela xunto a tres empregadas máis. Recoñece que o camiño é moi difícil, pero o sentimento de "orgullo" por sacar adiante o seu propio proxecto é máis forte. “Nas grandes empresas sentímonos números, e eu quero traballar con persoas”, di decidida. “Vivímolo doutra maneira: eu non quero facer con ninguén o que fixeron comigo, e agora teño a sorte de que son eu quen decide. Que a empresa nos trata ben? Alá que imos. Que a empresa dá problemas? Collemos a porta e marchamos”, engade. "Non permito que nos exploten".

Na súa empresa ela é a pon as regras: non se traballa por ratios senón por xornada laboral; e no centro coloca “o benestar do persoal”, o que implica, por exemplo, adaptar os horarios á vida de cada unha delas, que ademais de atender o traballo, en moitas ocasións, levan ao lombo os coidados de fillos e fillas ou doutros membros da familia. De frente, a quen se atopa é ás grandes cadeas. "Loitar contra elas é loitar contra un muro de formigón”, explica. “Mais entre os pequenos apoiámonos moito”, relata. “Sei que non me vou facer rica, e que terei que traballar ata a madrugada, pero este é un mundo que me gusta. Lévoo no sangue”. 

O colectivo das Kellys loita por manter a súa visibilidade e pola mellora das condicións laborais. O ano 2014, momento do que comezaron a asociarse ao longo de todo o Estado, foi un "boom". Tomaron as rendas da protesta e non as deixaron, aínda que queda camiño por diante. "Estaría ben plantar o traballo durante uns días. Facer unha folga. Aí conseguirías todo!", reclama Isabel Montenegro, consciente de seren un elo fundamental dos hoteis. Á espera están tamén de como evoluciona un dos últimos proxectos nacido das Kellys Catalunya: unha central de reservas en 'hoteis éticos' xestionada por elas mesmas. "As empresas poñeríanse as pilas... Todo se andará". Vanse dando pasos. "Hai xente que vén pisando forte, que se molla, que se apoia. As ratios desaparecerán, estou segura". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta