Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2021 | Actualizada ás 13:16
O BNG avanzou que levará ao Congreso unha serie de iniciativas co obxectivo de "suspender a concesión" da AP-9 a Audasa, despois de que a UE declarase ilegais as súas sucesivas prórrogas ata 2048 e decidise emprender accións xurídicas. O obxectivo é que a autoestrada pase a estar "libre de peaxes".
Así o explicou o deputado do Bloque na Cámara Baixa, Néstor Rego, quen nunha rolda de prensa celebrada este venres no Parlamento galego tachou de "absolutamente escandaloso e coñecido" o que determinou esta semana a UE pola forma coas que se outorgaron as prórrogas.
"Houbo actuacións que discriminaron ao noso país", subliñou, á vez que lembrou como outras infraestruturas da mesma xeración da AP-9 finalizaron as súas concesións e estas "non foron prorrogadas".
No caso da Autopista del Atlántico, Rego cargou tanto contra a prórroga de 10 anos aprobada polo Goberno de Felipe González como contra a de 25 anos que acordou José María Aznar. De non producirse estas operacións, a concesión "acabaría en 2013", recalcou o deputado nacionalista.
Por tanto, trátase de "un saqueo ilegal a todos os galegos e galegas, que levamos pagado xa oito anos o que non teriamos que ter pagado". A UE considera que é ilegal pola forma das devanditas prórrogas, pero Rego instou ás institucións comunitarias a que "profunden máis".
Así mesmo, o deputado do BNG no Congreso lembrou que hai unha lei en trámite nesta Cámara co obxectivo de que sexa "de titularidade galega".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.