Feijóo enxalza o sector da madeira como vector estratéxico para o futuro do rural

O presidente da Xunta reivindica o compromiso coas pemes do sector forestal no XX aniversario do Cluster da Madeira e o Deseño.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/09/2021 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este venres o compromiso coas pemes do sector forestal a través da aposta pola competitividade e o deseño no seu modelo produtivo.

Intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no XX aniversario do Cluster da Madeira
Intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no XX aniversario do Cluster da Madeira | Fonte: Xunta de Galicia.

Durante o acto de clausura do XX Aniversario do Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, Feijóo referiuse así á colaboración da Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, coa Fundación DIDAC, co obxectivo de pór en marcha o novo 'Programa de deseño para a innovación e sostenibilidade 2024: Diferenza'.

Na súa intervención, subliñou que a bioeconomía e a transición verde son claves desde o punto de vista tanto da recuperación económica como a nivel climático. "E por iso traballamos coa industria para levar a cabo proxectos nesta liña que poidan optar a financiamento europeo", recalcou, en relación á proposta que se presenta baixo o paraugas da 'Xestión sustentable dos bosques galegos'.

Conformada por tres iniciativas: un centro de clasificación e reciclaxe de residuos téxtiles, unha planta de produción de pulpa e fibra celulósica sustentable e un hub de innovación dixital, Feijóo esgrimiu que este proxecto, cun investimento de 1.200 millóns de euros, implicaría a creación de 3.200 empregos directos e 6.500 indirectos, ademais da absorción de entre 25.000 a 45.000 toneladas de CO2 pola área forestal xestionada.

No que respecta á iniciativa Tech Madeira, o titular da Xunta detallou que entre os obxectivos están a construción dunha planta piloto de novos materiais sustentables derivados da madeira con aplicación na industria estratéxica galega, desenvolver proxectos de ecodiseño e ecoinnovación, a dixitalización da industrial forestal, e a promoción da construción con madeira local.

O responsable do Executivo autonómico concluíu lembrando que o sector da madeira é hoxe un vector estratéxico para o futuro do rural. Non en balde, en máis de 20 comarcas esta industria está entre os tres primeiros sectores industriais por emprego xerado; e a cadea forestal-madeira supón o 12% do emprego industrial na Comunidade e o 1,8% do PIB.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta