Temas: PPDEG FEIJóO

Feijóo quere unha Galicia "española pero galaica"

"Estabamos tranquilos e nisto chegou Sánchez", lamenta o líder da Xunta, que chama aos descontentos co nacionalismo e o "sanchismo".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/09/2021 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu unha Galicia "española pero galaica" e avogou por un Partido Popular que priorice o "progreso da sociedade" por encima do "progreso orgánico".

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente dos populares coruñeses, Diego Calvo. ANGELG
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente dos populares coruñeses, Diego Calvo. ANGELG | Fonte: Europa Press

Na súa intervención este sábado no Congreso Provincial do PP da Coruña, no que Diego Calvo foi reelixido presidente da formación na cidade herculina, Feijóo apelou á xente nova, á que hai que atraer á política co obxectivo de "servir e non servirse".

"O fundamental é non consentir que se equiparen as mentiras e as verdades, porque iso produce unha deterioración na sociedade, algo que en España empezou xa hai uns anos", asegurou o titular do Goberno autonómico.

Feijóo asegurou que "gañar é difícil", para o que hai que "dialogar con todos", tamén cos que non lles votan, aos que fixo un chamamento. O titular da Xunta cre que moitos votantes do PSOE están desencantados con "un partido socialista que se converteu no partido sanchista" e con que "os que queren dividir España estean no propio Goberno".

A vitoria, recalcou, pasa tamén por convencer aos que votaron o BNG "porque pensaron que tiña patente de corso para defender Galicia e agora son conscientes de que Galicia non se protexe copiando o independentismo vasco e catalán, nin sendo cómplices necesarios do desprezo de Pedro Sánchez a Galicia".

Para abordar as próximas eleccións autonómicas, Núñez Feijóo recorreu a unha comparación futbolística e afirmou que, aínda que non tiveron bos resultados a nivel municipal, mellorarán grazas a congresos como o deste sábado.

"O Dépor vai subir, aínda que non fixese as cousas ben", chanceou o titular da Xunta, que comentou que na Coruña están "adoitados" a que o balón "pegue o poste e saia fóra", como ocorreu en Ferrol nos últimos comicios. "Perdemos unha Liga así", comentou.

"ESTABAMOS TRANQUILOS E NISTO CHEGOU SÁNCHEZ"

"Estabamos tranquilos e nisto chegou Sánchez", comentou o líder do Executivo galego, xa en clave estatal. Neste sentido, enumerou todo o que "funcionaba" previa chegada do Goberno de coalición --Alcoa, a industria madeireira, a protección do lobo ou a térmica das Pontes, entre outros--.

"Agora péchanse térmicas porque queremos facer renovables, pero péchanse as fábricas de pas eólicas. As expectativas de negocio péchanse, pero o que funcionaba tamén pecha", criticou.

Respecto da recente inclusión do lobo na Listaxe de Especies en Réxime de Protección Especial, o responsable do Goberno galego aseverou que "que o lobo sexa prioritario á xente, é unha broma de mal gusto que non imos aceptar". "É máis un lobo que unha vaca?, haberá que protexelos por igual", indicou Feijóo, que apostou por un "plan de convivencia".

O presidente da Xunta tamén se referiu á suba da factura da luz e lembrou que, no seu día, "un líder carismático, hoxe tertuliano" --en referencia ao exvicepresidente Pablo Iglesias-- pediu establecer un día para as vítimas da pobreza eléctrica. "Xa levamos varios meses cun día diario por esas vítimas", asegurou Feijóo.

Temas: PPDEG FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Por certo: o viño Ribera del.Duero tamén é noso (por Coruña del Conde).

1 Sentidiño

Si, unha Galicia galaica! Adiante coa reconquista, comigo os valentes! Braga e Astorga: tremede!!!