O BNG carga contra Escrivá por insinuar unha ampliación da xubilación até os 75 anos

Ana Pontón insta o Goberno central a porse "ao lado da maioría social". E acusa a Feijóo de ser "cómplice" das eléctricas nunha suba da luz que ve unha "estafa".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 27/09/2021 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou o Goberno central a porse "ao lado da maioría social" e non da CEOE ou do Banco de España tras as declaracións do ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, nas que sinalaba a necesidade dun "cambio cultural" para traballar máis entre os 55 e 75 anos.

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá | Fonte: Ricardo Rubio - Europa Press.

Coincidindo coa presentación dunha campaña da formación nacionalista contra a suba da luz, Pontón pediu ao ministro, e tamén ao conxunto do Executivo central, que "antes de pór sobre a mesa medidas máis propias do Banco de España que dun goberno progresista", se dea "un paseo por Galicia".

"Temos as segundas pensións máis baixas de todo o Estado e nos últimos anos emigraron máis de 200.000 mozos ante a falta de oportunidades do señor Feijóo", citou aludindo tamén á falta de traballo ou en "precario" destes. "E unha crise demográfica que se agudiza pola emigración da xente nova".

"Ou lle damos traballo aos mozos ou este país non ten futuro", dixo tamén en alusión ás palabras do ministro. A Escrivá, replicoulle, ademais, que "o sistema de pensións necesita menos neoliberalismo e máis medidas para reforzar un sistema público, crear emprego para a mocidade" e dar unha economía que "xere" traballo.

"Xa está ben de que os gobernos parezan defender máis os intereses do Banco de España e da CEOE que a maioría social", dixo tras pedir ao Executivo socialista que se poña "ao lado" desta última.

SUBA DA LUZ

Por outro lado, Pontón, acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de ser "cómplice" das eléctricas, na presentación dunha campaña impulsada por esta formación contra a suba da luz, que cualificou de "estafa".

Fíxoo, nun acto na praza de Pontevedra da Coruña, ante un cartel publicitario desta formación onde se ve a Feijóo abrazando o presidente de Iberdrola na súa investidura de 2009. Tamén se poden ler nel os lemas 'Hai apertas que venden un país' e 'Cómplice das eléctricas', en referencia ao titular do Executivo galego.

"Xa abonda de vender Galicia e de pór a nosa enerxía ao servizo das eléctricas", sentenciou Pontón, quen defendeu que "hai alternativas" para que os galegos se poidan beneficiar da "riqueza eléctrica" de Galicia e usala "en beneficio propio".

"Unha tarifa eléctrica galega, pór fin a eses beneficios, crear unha compañía pública galega enerxética ou pór freo a ese boom eólico depredrador", citou, entre outras actuacións, a dirixente do BNG que, fronte ao actual modelo eólico, expuxo outro "que respecte o medio rural e o medio ambiente e que sirva para desenvolver o país".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta