As orquestras galegas asómanse ao abismo tras outro verán con "cero ingresos"

Aseguran que a partir do día 30 entrarán nun estado de "máxima precariedade" ante a fin das últimas axudas dispoñibles. Critican os "protocolos desfasados" que lles terían impedido traballar este verán.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2021 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O verán de 2021 queda atrás e, con el, as esperanzas dos profesionais ligados á verbena galega de saír do pozo de perdas que levan arrastrando dende o comezo da pandemia. A plataforma Amproega vén se mobilizar contra unha situación de “máxima precariedade” pola que sinalan ás distintas administracións públicas, ás que acusan de continuar con protocolos “desfasados” que lles impiden desenvolver a súa actividade.

Festival de Orquestras de Verbena, na Cidade da Cultura, a 25 de setembro de 2021, en Santiago de Compostela. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Festival de Orquestras de Verbena, na Cidade da Cultura, a 25 de setembro de 2021, en Santiago de Compostela. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Así o apuntaron nunha rolda de prensa na mañá do 27 de setembro en Santiago de Compostela, na que se procedeu a expoñer a situación actual e o futuro inmediato do sector do Espectáculo e a Verbena de Galicia en particular. Segundo explicaron dende a plataforma, a debilidade económica do sector debe ser explicada atendendo aos criterios estacionais cos que traballan: se non hai verbenas no verán, quedan condenados a un “longo inverno” como que, a todas luces, se perfila de cara aos próximos meses.

A falta de traballo deste pasado verán, que ao seu ver os condena “á indixencia e a desaparición”, tivo que ver coas limitacións sanitarias impostas por unha “clase política” á que acusan de impedirlles “a máis mínima opción de traballar”. Neste aspecto, destacan o caso dalgúns alcaldes que chegaron a “emitir bandos municipais prohibindo a contratación de espectáculos nos seus propios concellos e parroquias dependentes dos mesmos”.

RESTRICIÓNS "DESFASADAS"

A problemática central, porén, estaría nas restricións dos protocolos sanitarios autonómicos, “os máis férreos e irracionais en comparación con calquera outro sector”, e, apuntan dende a asociación, “xa desfasados a día de hoxe pola porcentaxe de vacinación”, das máis elevados de Europa”. Por riba, e segundo apuntan, as probas piloto da Xunta non permitiron ampliar a contratación de cara a este verán, polo que o balance dos períodos estivais de 2020 e 2021 é negativo: “en ambas [etapas], os ingresos traducíronse literalmente ao cero absoluto”, aseguran.

De aí que este 30 de setembro vaia chegar unha etapa de “enorme gravidade” a nivel económico para o sector, porque á parte de non ter xerado ingresos durante o verán, nesa data vencerá a Prestación Extraordinaria por Desemprego para Artistas que dá o Goberno. “A día de hoxe non temos constancia de que nin tan sequera se estean expondo a súa continuidade. E o verdadeiramente relevante é que esta prestación foi ata a data o principal sostén da maioría do tecido laboral do sector, ante a imposibilidade de traballar”, aseguran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta