Os universitarios poderán cursar materias doutras carreiras coa nova regulación do Ministerio

Tamén incluirá a mención dual nos títulos de grao e máster.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2021 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros aprobou este martes, a proposta do Ministerio de Universidades, o Real Decreto da organización dos ensinos universitarios e o procedemento de aseguramento da súa calidade, que permitirá aos alumnos cursar materias doutros títulos afíns e que os títulos de Grao e Máster poidan incluír a mención dual.

Segundo informa o Ministerio, este decreto pretende, por unha banda, consolidar os plans de estudo de Grao de 240 créditos. Deste xeito, mantense definitivamente a estrutura básica da oferta académica, actualmente vixente, configurada en tres etapas: Grao, Máster e Doutoramento.

Neste sentido, consolida que os Graos sexan de 240 créditos, coa única excepción daqueles que por directrices europeas deben ser de 300 ou 360 créditos. Así, a estrutura esencial do modelo universitario español confórmase de Graos de 240 créditos, Másteres de 60, 90 e 120 créditos, e o Doutoramento, ao que se accede superando os 300 créditos nas dúas etapas formativas anteriores.

ITINERARIO ACADÉMICO ABERTO

Así mesmo, o decreto establece que aquelas universidades que desenvolven estratexias metodolóxicas de innovación docente específicas e diferenciadas e que foran valoradas no proceso de verificación do título pola axencia de avaliación correspondente, poderán recoñecelas no Suplemento Europeo ao Título.

Doutra banda, a partir de agora, as universidades poderán ofrecer programas de ensinos de Grao con itinerario académico aberto que permitan ao alumnado cursar materias de dous ou máis títulos universitarios oficiais que pertenzan ao mesmo ámbito de coñecemento ou ámbitos de coñecemento afíns.

Tamén, os títulos oficiais de Grao e Máster poderán incluír a mención dual, que comporta un proxecto formativo común que se desenvolve complementariamente no centro universitario e nunha entidade colaboradora.

A actividade formativa que se realice na entidade concretarase na execución dun contrato laboral que terá como obxecto fundamental o desenvolvemento da formación do estudante e estará mediado por un Convenio Marco entre a universidade e a entidade.

Facultade de Medicina de Santiago de Compostela
Facultade de Medicina de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta