O PSOE acusa a Jácome de comprar reloxos de luxo aos seus asesores con diñeiro público

"Cre o ladrón que todos son da súa condición", ironiza o alcalde de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2021 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

O PSOE de Ourense acusou o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, de pretender adquirir reloxos de luxo para os seus asesores, entre outros materiais, servíndose de diñeiro público das arcas municipais. Entre eles, atoparíanse teléfonos intelixentes e dispositivos informáticos "e mesmo unha moto eléctrica".

Os socialistas aseguran que son os propios asesores os que están a solicitar os orzamentos, un modo de proceder que tachan de "dubidosa legalidade", posto que o persoal de confianza non pode asumir tarefas de funcionariado "e menos cando se trata de adxudicar a dedo contratos a empresas amigas para adquisición de material que nada ten que ver coas funcións de Alcaldía".

En concreto, asegura ter constancia de que os asesores solicitaron un orzamento de 14.937 euros para adquirir 14 teléfonos intelixentes, ademais de 4 smartwatches por importes entre 360 e 380 euros cada un.

Así mesmo, denuncian que existe un orzamento para a compra de 18 portátiles, 6 computadores de mesa, 7 monitores LED, 6 teclados e 6 ratos nun lote a parte do aprobado na Xunta de Goberno Local, medio millón de euros, para a instalación de equipos informáticos.
Ademais os socialistas engaden que o persoal eventual de Jácome tamén está pendente da posible compra dunha scooter eléctrica valorada en 6.500 euros.

Por todo iso rexistraron unha solicitude de información urxente para coñecer as facturas emitidas desde o Concello en compra de mobiliario, equipos informáticos e vehículos desde o inicio do mandato. "Non imos permitir o malgasto de diñeiro público dun alcalde que pensa que o Concello é a súa empresa privada", censurou o portavoz socialista, Rafa Villarino.

"SURREALISTA"

Pola súa banda, o rexedor municipal desmentiu as acusacións dos socialistas, que cualificou de "absolutamente surrealistas". "É todo falso e demostra a calidade da oposición que está a facer este grupo. É nefasta. Cre o ladrón que todos son da súa condición", afeou.
Así explicou que non se trata de reloxos de luxo senón de dispositivos intelixentes de 300 euros e que "non son para uso dos asesores, senón para o Centro de Intelixencia Artificial".

O obxectivo é que os enxeñeiros comproben o funcionamento, neste tipo de dispositivos, de diferentes páxinas web e aplicacións do Concello que se están preparando.

Así mesmo, Jácome trasladou que é necesario que o Concello "dispoña de boas ferramentas tecnolóxicas", en referencia aos teléfonos de alta gama que si afirmou que se adquiren "para diferentes áreas municipais". "O Concello necesita dispor de alta tecnoloxía e iso non é malgastar, son moito máis rendibles os teléfonos de alta gama que os da baixa", resolveu.

Arquivo - O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nun acto.. CONCELLO DE OURENSE - Arquivo
Arquivo - O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nun acto.. CONCELLO DE OURENSE - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

En Vigo temos un alcalde que paga máis cartos por montar unhas sillas para 2.300 persoas e vallar o recinto en Samil que para pagar aos artistas e ao seu equipo técnico ! O peor do asunto é que Vigo conta cun lugar fabuloso para concertos como é Castrelos (que leva abandonado máis de dous anos!) / Eso sí que é malgastar cartos públicos a moreas... https://twitter.com/00Gamela/status... O traballo político do tal Villarino é tan ridículo que case mellor pasamos !