Santiago: a noite do botellón consentido e os policías invisibles

O xoves universitario decorreu sen choques coa policía, nun ambiente de permisividade sobre o que foron florecendo escenas típicas da noite santiaguesa. Non sempre se viron máscaras, pero tampouco alcol, e o decorrer da festa deixou algún que outro xesto de ebrio civismo.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ás portas da discoteca Ruta hai máis cámaras de televisión que botellas. Son as 02:50 da mañá e os flashes de oito ou dez xornalistas atravesan o tumulto dos 200 estudantes que alí se concentran. Uns metros máis arriba, tres unidades de Policía Local --seis axentes-- agardan, cos brazos cruzados, a que chegue a hora de desaloxar. Este é o relato da noite de festa en Santiago en que os antidisturbios eran invisibles, o botellón non sempre levaba alcol, e o auténtico núcleo da movida conseguiu un lugar no que darse aos excesos con relativa impunidade.

Varios medios de comunicación acudiron ás portas da Discoteca Ruta en previsión de que se puideran repetir as cargas do xoves anterior
Varios medios de comunicación acudiron ás portas da Discoteca Ruta en previsión de que se puideran repetir as cargas do xoves anterior | Fonte: GC

 

Todo o mundo pensaba que a acción ía estar en Ruta. Pero un raio non cae dúas veces no mesmo sitio, e a noite do ensanche compostelán decorreu con tranquilidade relativa. Non houbo cargas, pero si veciños insomnes, cánticos de festa pola rúa, e pequenas doses de ilegalidade nas que o tempo parecía decorrer antes de marzo do 2020.

 

A chegada a Ruta foi ás dúas da mañá, despois de pasar por Facultad e o Avante. A excitación repartíase desigualmente entre estes dous. Ás portas do local nacionalista, mítico da Zona Vella, había un gran grupo de persoas concentrado. Víase alcol, e case o tremer das xanelas pola vibración única da marabunta. A praciña de San Bieito quedaba pequena. Todo o contrario que na discoteca de Alfredo Brañas. Pequenos grupúsculos, a man no móbil. Sen vasos.

O desaloxo de Ruta, na noite do 1 de outubro de 2021
O desaloxo de Ruta, na noite do 1 de outubro de 2021 | Fonte: César Arxina - Europa Press.

 

O DESALOXO DE RUTA

 

A noite tiraba máis para Ruta. No pelotón de 25 metros que formaban os estudantes reinaba un clima de impunidade. Era imposible non ver as luces da Policía Local, e as súas estatuas ao pé do Bar Isla. Pero dentro, entre a xente, tamén custaba crer que estiveran. Había unha sensación de estraña normalidade, de pleno dereito. Se un se deixaba levar á parte baixa da costa, ao outro lado do resplandor azul, podía ver as fazañas típicas dunha noite de festa prepandemia. Un rapaz liando un porro sentado no chan, con todo o instrumental estrado ao seu redor. Outros ligando, ou no intento. A un acordáronselle as ganas de lea dous minutos antes de que desaloxara a Policía.

 

Que non foi ás tres, senón un par de minutos máis tarde. Os axentes deixaron un compás de gracia para que a xente puidera resolver as melodías da noite, despedir os amigos, cruzar contas no Instagram --xa ninguén se dá os números de teléfono--. A dispersión foi rápida e tranquila. Os axentes ían varrendo a calzada, dirixíndose un por un aos grupos de estudantes que facían como que non os vían ata que lles falaban. En certo modo, foi un acto de resistencia pacífica. Todos os presentes sabían que había que marchar, pero tamén estaban resoltos a aproveitar ata o último paso de baile --metafórico, porque ás portas da discoteca non se baila, e moitas veces tampouco dentro--.

 

Non houbo noticia de que a xente se puxera rufa coa Policía entón. Alguén falou de sacar o DOG, de que non estaban dando razóns legais para o desaloxo. “Realmente, as restricións non cambian porque sexan as tres, o único que pasa é que pecha a discoteca”, valora un acompañante que prefire quedar no anonimato. O certo é que ás portas de Ruta había máis xente sen vasos que bebendo. Máscaras nin a primeira, pero iso xa era ilegal ás 02:59. 

 

ITINERARIO POLO ENSANCHE

 

A policía, en fin, disgrega á xente, e entón precipítase o caos. A noite comeza a desfiarse para os grupos que agardan, uns metros máis arriba, con postura de non saber a onde poñer rumbo. Algúns baixan a berros ata a Praza Roxa porque unha hora antes falaran dun botellón alí. Pero onde estivo xa non se ve, e os únicos actores da escena son as unidades de Policía. Hai un furgón da Nacional, primeiro e único que se verá na noite. Un pouco máis arriba, na Rúa Nova, un coche da Policía Autonómica; outro exemplar estraño. Na Alameda, case baleira, dominan os emblemas da Local. Non chegaron a verse os antidisturbios que pedira o Concello.

 

Deixamos atrás estas zonas baleiras e poñemos rumbo ao Avante. No traxecto, a parálise das rúas de pedra vella axuda a recobrar o sentido do silencio. Era unha tarefa imposible no Ensanche: antes de chegar á área de alcance do grupo seguinte, aínda perduraba o eco do balbordo dos que quedaban detrás. Os veciños que aínda haxa na Rúa do Preguntoiro, pola contra, poden durmir tranquilos.

 

A FESTA SEGUE NA ZONA VELLA

 

Pero todo cambia ao chegar a San Bieito. Nas portas do Avante a festa mantense e mesmo parece maior que antes. De novo está o alcol, e a xente amoreada, falando outra vez a berros agás no momento de prender un cigarro. Na parte de arriba, a pequena ruela da parte alta deixa ver as luces azuis da Policía. Albíscanse á distancia, na Praza de Cervantes. 03:45 da mañá e a noite continúa.

 

A praza de San Bieito emana o mesmo aire de impunidade que as portas de Ruta, pero máis intenso. Aquí non hai cámaras de televisión. A xente fala e reparte vasos, protexida polos catro muros que cercan a lixeira costa de pedra. O cerne da festa.

 

De súpeto, uns dez individuos situados na zona do pub comezan a entoar unha rima contra a Policía Nacional. Váiselles sumando xente. O dispositivo de Cervantes é da Local, pero así non cadraría a métrica. No ambiente pálpase unha rabia máis ben frouxa e, sobre todo, a decepción secreta de que a saída decorrera sen incidentes que contar na fin de semana.   

 

Ás catro da mañá aparece pola ruela de Cervantes o varrendeiro nocturno. Ten traballo por diante. O chan está repleto de cristais e bolsas de plástico, e só Deus sabe de quen era a cadeira que apareceu desmembrada polas esquinas da praza. Nun momento dado, unha rapaza recolleu o asento e comezou a camiñar: “me lo llevo para casa, me voy a hacer un columpio”, dixo para si mesma, ou para todos.

 

Conforme pasan os minutos, a masa de San Bieito comeza a perder densidade e aparecen as primeiras caras de sono. Último pitillo, frotar os ollos mirando o móbil. Empezan a decaer os cubatas. E entón prodúcese un episodio moraléxico, a pequena guinda da noite. Os grupos situados na praza comezan a levar o seu lixo ao caldeiro que porta o varrendeiro. El dálles a grazas cada vez que se achegan. Algúns mesmo comezan a recoller o desperdicio alleo para facerlle máis lixeiro o labor. 

 

E así, frisando as cinco menos cuarto, é como remata a historia. Parte da xente cansa e marcha, dan a despedida última, quedan en quedar un día aínda que logo nunca se vexan. Parece que pouco despois a Policía botou aos que poucos que seguían por aí. E xa. Este é o relato fidedigno da noite do 30 de setembro de 2021, como a contarán os estudantes que a viviron, se se acordan. 

 

Mozos concentrados ante a discoteca Ruta, en Santiago
Mozos concentrados ante a discoteca Ruta, en Santiago | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta