A Xunta, satisfeita polo aval da xustiza, estuda implantar o certificado covid noutros ámbitos

Alfonso Rueda ve "lóxico" que a implantación do certificado covid no lecer nocturno sexa "progresiva".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2021 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

A Xunta dá por feito que a implantanción do certificado covid nos negocios do lecer nocturno levará a cabo dunha forma "progresiva" porque "é lóxico" que se necesite "un período de adaptación" para facer efectiva unha medida que é "un instrumento útil para recuperar a vida normal".

Así o resaltou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios en Vigo este sábado, o día despois de que o TSXG avalase definitivamente a implantación do certificado covid tras o fallo do Tribunal Supremo que deu a razón á Administración autonómica.

Tras mostrar a súa satisfacción polo visto e prace da xustiza á proposta, Rueda puxo o acento en que aqueles locais que decidan pedir o certificado para acceder aos establecementos poderán beneficiarse dunha ampliación de horarios (ata as 04,00 horas) e de aforamento (75% en horarios).

Algo ao que poden acollerse xa desde este fin de semana, aínda que voces do sector advertiron xa que se verán abocados a pospolo ante a imposibilidade de aplicar as medidas esixidas.

Fontes do sector sinalaron o venres a Europa Press que existía "rotura de stock" nos aparellos de medidores continuos de CO2 e que aínda non contan coa aplicación que a Xunta se comprometeu a deseñar para a lectura dos certificados, polo que moitos establecementos non poderán empezar a demandar este documento como medida de control.

"O lóxico é pensar que vai ser unha incorporación progresiva", sinalou este sábado Rueda, que emprazou a "os próximos días" e o "próximo fin de semana" para coñecer o número de locais de lecer nocturno que decidan adherirse a esta posibilidade que está convencido de que se converterá "nunha práctica normal" para a maioría de establecementos.

Tamén se mostrou esperanzado en que a ampliación dos horarios no lecer nocturno sirva para reducir os problemas derivados pola concentración de persoas de madrugada e a celebración de botellóns, aínda que, neste sentido, cre que "o fundamental" está "na conciencia cívica" dos mozos.

"Vimos duns meses moi duros e deberiamos ser conscientes das consecuencias destes comportamentos", apuntou o 'dous' da Xunta, que volveu a facer unha "chamada ao civismo" da xente, "sobre todo dos mozos, que na súa maioría son cívicos pero hai excepcións".

Con todo, destacou que nos "días pasados" produciuse unha "diminución" das concentracións nas rúas durante a madrugada, algo que considera "bo para todo o mundo" porque, di, contribuirá "a saír máis rápido deste pesadelo".

IMPLANTACIÓN CERTIFICADO NOUTROS ÁMBITOS

Cuestionado sobre a posibilidade estender a esixencia do certificado covid a outros ámbitos como o sanitario, Alfonso Rueda recoñeceu que a Xunta estuda onde podería ser necesario.

"O auto di exactamente onde se pode usar e onde é proporcionado. Seguindo esas pautas, se cadra é adecuado usalo noutros ámbitos por comodidade da xente e por seguridade", sinalou Rueda.

CASE DOUS MILLÓNS DE CERTIFICADOS EXPEDIDOS

En total, a Xunta expediu case 2 millóns de certificados covid, a maioría deles xustificantes de completar a vacinación e o resto resultados de probas diagnósticas e actas de superar a enfermidade.

A Administración galega repasa estas cifras nun comunicado no que cifra en 1.977.886 os certificados covid emitidos, dos que 1.904.247 son de vacinación, 45.402 de proba diagnóstica e os 28.237 restantes, certificados de superar a enfermidade.

Grupos de mozos agloméranse na vía pública de Santiago de Compostela, a 1 de outubro de 2021.. César Arxina - Europa Press
Grupos de mozos agloméranse na vía pública de Santiago de Compostela, a 1 de outubro de 2021.. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta