Os galegos consumiron máis produtos do mar frescos e en conserva durante a pandemia

Un estudo das universidades de Santiago e Vigo constata o papel clave da pesca durante o confinamento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/10/2021 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

Durante a pandemia rexistrouse un cambio no comportamento de consumo da poboación galega, que aumentou de forma significativa o gasto en produtos do mar frescos e en conservas durante o primeiro confinamento. Esta é á principal conclusión á que chegaron científicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade de Vigo (UVigo) nun estudo que acaba de ver a luz na revista 'Frontiers in Marine Science' e cuxo primeiro asinante é o profesor da USC Sebastián Villasante.

A USC destaca que o artigo 'Rapid assessment of the COVID-19 impacts on the Galician (NW Spain) seafood sector' avalía a influencia da covid-19 no sector de produtos do mar de Galicia. Os autores centráronse non só nos impactos inmediatos no sector da pesca extractiva, senón tamén na capacidade da acuicultura e as conserveiras para abastecer os mercados de produtos do mar antes e durante a pandemia.

Peixes
Peixes | Fonte: Europa Press.

Para levar a cabo este obxectivo, sintetizáronse múltiples fontes de información de toda a cadea de subministracións de produtos do mar para evidenciar, por unha banda, as primeiras respostas do sector e, por outra, as variables de recuperación antes (durante o período 2015-2019) e durante a pandemia (2020).

"Galicia constitúe unha das rexións marítimas máis importantes do mundo", explica o profesor Villasante, que sinala que os resultados do estudo poñen de manifesto como o comercio de produtos do mar se viu perturbado polos cambios bruscos tanto na demanda e a oferta, como nas limitacións no movemento de persoas e mercadorías, cunha ampla gama de impactos e consecuencias para o sector dos produtos do mar".

Segundo o estudo, en 2020 constatouse un importante descenso no relativo aos desembarcos (-18% en volume e -14% en valor), á produción da acuicultura galega (-11% en volume e -12% en valor), ás importacións (-10% e -11%, respectivamente) e ás exportacións (-19% e -16%) de produtos do mar frescos, vivos e conxelados.

Ao contrario, a produción de conservas (+2% en volume e +10% en valor), así como as importacións (+10 e +6%, respectivamente) e exportacións (+17 e +26%) de produtos do mar preparados e en conserva rexistrou unha tendencia crecente durante a pandemia.

"A proximidade aos mercados, o investimento en cadeas de subministración nacionais ou próximas e o desenvolvemento de novas innovacións tecnolóxicas contribuíron a evitar a escaseza de alimentos e perda de medios de vida en Galicia", continúa o profesor Villasante.

Ademais, sinala que os pescadores e as empresas pesqueiras tamén actuaron colectivamente para reafirmar os seus dereitos e proporcionar produtos do mar esenciais e de alta calidade á poboación galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta