Aprobada a terceira dose da vacina da covid-19 para maiores de 65 anos

Aministrarase xunto á da gripe a maiores de 70 a partir do 25 de outubro e logo aos de 65 a 70 anos. Galicia aclara que "non se opón" á terceira dose, pero que se expuxeron dúbidas e por iso votou en contra.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/10/2021 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

A Comisión de Saúde Pública, na que están representadas as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, acordou administrar unha terceira dose da vacina contra o covid-19 de Pfizer ou Moderna aos maiores de 70 anos a partir do 25 de outubro, e sempre que pasasen seis meses desde a última dose.

Unha sanitaria vacina a unha muller coa terceira dose da covid-19, na Residencia de Maiores Vista Alegre, a 22 de setembro de 2021, en Madrid
Unha sanitaria vacina a unha muller coa terceira dose da covid-19, na Residencia de Maiores Vista Alegre, a 22 de setembro de 2021, en Madrid | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press.

A eles seguiralles o grupo de 65 anos, segundo informaron fontes autonómicas. Na votación producíronse 12 votos a favor, cinco abstencións e dous en contra (Comunidade de Madrid e Galicia).

A vacinación realizarase xunto coa vacina da gripe, tal e como reclamaron varias comunidades autónomas como Galicia, Andalucía ou Castela-A Mancha. Existen informes internos que avalan que se podería facer sempre que se inoculen "en lugares anatómicos distintos".

"O obxectivo é aumentar a protección das persoas máis vulnerables. Co acordo adoptado hoxe continúase a liña que recolle a Estratexia de Vacinación fronte á covid-19 en España e que a evidencia científica mostrou, que a idade é o principal factor de risco", explica o Ministerio de Sanidade en nota de prensa.

Desde o pasado 16 de setembro está aprobada a dose adicional da vacina en persoas con transplante de órgano sólido, os receptores de transplante de proxenitores hematopoiéticos e as persoas en tratamento con fármacos anti-CD20, así como aquelas con certos tratamentos inmunosupresores, de moi alto risco, e as residentes en centros de maiores.

A Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) pronunciouse este martes sobre as doses de reforzo. En concreto, sinalou que se pode administrar unha terceira dose de Pfizer porque é "segura e eficaz", aínda que deixou a decisión sobre a súa administración a cada país. Este luns, a EMA concluíu que as terceiras doses de Pfizer e Moderna poden administrarse a persoas con sistemas inmunitarios gravemente debilitados de 12 anos ou máis, polo menos 28 días despois da súa segunda dose.

Este mesmo martes, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, indicou que estaban á espera da decisión que se adoptase a nivel estatal, no seo do Consello Interterritorial. En días pasados, xa avanzou a postura de Galicia a favor de administrar as dúas doses de forma conxunta.

DÚBIDAS DA XUNTA

A Consellería de Sanidade aclarou que Galicia "non se opón" á administración da terceira dose ou dose de reforzo aos maiores de 70 anos, pero votou que "non" na comisión de saúde pública debido a que se expuxeron "dúbidas" de como levalo a cabo neste momento e xunto á campaña da gripe.

En días pasados, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mostrouse partidario de facer coincidir a vacinación da dose de reforzo coa campaña da gripe. Este mesmo martes, na rolda de prensa posterior ao comité clínico, indicou que Galicia estaba á espera do "pronunciamento" a nivel estatal para implementar a estratexia de vacinación de agora en diante.

Fontes da Consellería de Sanidade aclararon que "Galicia non se opón á administración da terceira dose", pero dado que na comisión de saúde pública se expuxo a posibilidade só de votar si en caso de estar ao 100 por cen de acordo, Galicia optou polo "non" ao ter dúbidas de como implementalo.

Neste sentido, as mesmas fontes sinalaron que se necesita "algo máis de tempo para valorar os axustes" sobre como facer coincidir esa terceira dose coa vacina da gripe, unha petición que puxera enriba da mesa sectorial o propio Sergas, segundo díxose en días pasados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta