O novo CHUAC podería estrear áreas o próximo verán

"Sen hospitais novos teriamos colapsado", dixo Feijóo sobre a pandemia e en alusión aos investimentos autonómicos.

Por E.P. | A Coruña | 05/10/2021 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

A Xunta espera que a finais de verán de 2022 poidan estar operativas as novas UCI e a nova unidade de hospitalización, así como outros servizos hospitalarios, que se situarán na zona das antigas urxencias e que forman parte da fase cero do denominado novo complexo hospitalario universitario da Coruña.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visita as obras da fase cero do 'novo Chuac'. ANA VARELA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visita as obras da fase cero do 'novo Chuac'. ANA VARELA | Fonte: Europa Press

Así o manifestou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha visita ás obras, xunto aos conselleiros de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e de Sanidade, Julio García Comesaña, entre outras autoridades, e responsables da execución da obra.

No acto, dixo que a intención é "tentar entregar este hospital no verán" de forma que nesas datas se poida facer o traslado de pacientes para "o final de verán" ter operativos os servizos da fase cero, cun investimento de 13 millóns de euros.

Esta fase permitirá, segundo lembrou, ampliar na primeira planta Farmacia e Urxencias e establecer na cuarta planta os hospitais de día de Oncoloxía, Alergoloxía, Hematoloxía e Polivalente, así como a oficina de transplantes.

No quinto piso, instalaranse as novas UCI de politraumatizados e coidados intermedios, con 15 camas cada unha, así como unha nova unidade de hospitalización con 18 habitacións e 29 camas.

Na súa intervención, Feijóo lembrou que en total, e incluíndo as distintas fases previstas e que se sumarán á que xa está en execución, o investimento no 'novo complexo hospitalario da Coruña' será de 431 millóns de euros e remarcou que será unha actuación que suporá incrementar nun 67% a superficie actual.

Ademais, aproveitou para facer un repaso dos investimentos da Xunta en materia sanitaria na área da Coruña e para reivindicar tamén as feitas noutras cidades galegas. "Sen hospitais novos, teriamos colapsado", dixo en referencia á pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta