Catro de cada dez empregos en Galicia corren risco de seren automatizados

Un informe da USC alerta do risco de substitución por máquinas ou persoal máis cualificado no 38% dos traballos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2021 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Catro de cada dez empregos do tecido económico galego están en risco de automatización. Esa é a conclusión principal do informe ‘Impacto da dixitalización e da automatización nos sectores económicos de Galicia’, desenvolto por investigadores da USC. O estudo certifica que a migración das empresas cara os sistemas automatizados “pode axudar a mellorar a produtividade das empresas e das Administracións”, pero á vez hai risco de eliminar ocupacións e aumentar o paro. 

Operario da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo
Operario da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo | Fonte: PSA Peugeot Citroën - Arquivo.

A investigación, que correu ao cargo dos grupos USC Empresa e Administración e Valoración Financeira Aplicada, cifra no 38% os empregos galegos que se atoparían en zona de risco elevado de automatización. Isto se se aplica o enfoque máis “pesimista”. No caso dunha visión optimista, outro 39% do tecido produtivo estaría nunha zona de risco de automatización

moderada. 

“Isto non debe ser interpretado como que todos os postos de traballo desaparecerán, pero si que pode cambiar de forma substancial o xeito en que se realizarán e teñen unha maior probabilidade de ser substituídos por máquinas ou por persoas con maior nivel de cualificación”, explican os autores do informe dirixido por César García Novoa e Luis Otero González. En todo caso, sexa cal sexa o enfoque, o informe evidencia “un alto impacto da automatización” e advirte da “necesidade de prepararse para o cambio”.

MATERIAS PENDENTES NA ADMINISTRACIÓN

Por outro lado, o informe parte de varias enquisas para concluír que a pandemia favorecerá o proceso de dixitalización das empresas, de acordo con tres cuartas partes das entidades consultadas. “As restricións á mobilidade impulsaron de forma espectacular o comercio electrónico, as reunións en liña e o teletraballo”, apunta o informe. 

O caso é paralelo no tocante ás administracións públicas, que malia avanzar en dixitalización aínda manteñen materias pendentes e “aspectos nos que se debe seguir avanzando”, como a xeneralización das aplicacións de xestión a todos os procedementos administrativos e a introdución das novas tecnoloxías disruptivas e, en especial, da intelixencia artificial no funcionamento da administración. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta