Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2021 | Actualizada ás 14:00
A Universidade de Santiago de Compostela vén de lanzar unha triple liña de axudas orientada a paliar a situación económica xerada como consecuencia na pandemia entre as filas do seu alumnado. Segundo apuntan dende a institución, as axudas ofertadas afectan tanto ás xa coñecidas como 'bolsas comedor' como aos gastos de internet e de material informático.
Así, a institución da capital, á parte de poñer a disposición do seu alumnado 200 ordenadores portátiles, 150 routers con conexión a Internet móbil 4G, 90 cámaras web e 500 plans de datos, ofrécese a financiar ata o 90% das liñas telefónicas --fixas ou móbiles-- que contrate o alumnado que cumpra os requisitos establecidos.
"Serán subvencionables os gastos de acceso a internet que utilicen as persoas beneficiarias da axuda; os gastos subvencionables deberán corresponder a unha única liña que poderá ser fixa ou móbil; e unicamente poderá solicitarse unha subvención por persoa beneficiaria", apuntan, antes de sinalar que a contía máxima por cabeza será de 35€ e o período abranguerá dende o 6 de setembro de 2021 ao 15 de xullo de 2022.
A USC asevera tamén que a presentación de solicitudes para acceder a estas axudas estará dispoñible a través da Sede Electrónica da institución ata as 23.59 horas do xoves 21 de outubro. "O obxectivo é atender solicitudes de axudas para estudantes cunha situación económica, social ou familiar que poida influír negativamente na continuidade dos seus estudos universitarios", recordan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.