STEG lamenta a "falta de unidade" dos sindicatos do ensino en Galicia e pide unha fronte común

Subliñan a importancia de sumar forzas para facer fronte aos "recortes" da Xunta de Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Novo movemendo da man dos sindicatos da educación en Galicia. Desta vez, os xestos das principais formacións non van centrados en denunciar as políticas de recortes da Xunta, senón a lamentar que no sector das organizacións non haxa "unha mínima unión sindical". Quen pon a voz é o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino en Galicia (STEG), que vén de dirixir unha carta aberta ao resto de asociacións do eido.

Masiva manifestación en Vigo no día de folga xeral no ensino contra a LOMCE
Masiva manifestación en Vigo no día de folga xeral no ensino contra a LOMCE | Fonte: CIG

Na misiva, a formación subliña que, malia estar de acordo na depauperación do ensino público galego, as distintas formacións que agrupan a docentes e demais traballadores do sector non sexan capaces de manter os acordos acadados en anos previos. Desta forma, o sindicato refire a cohesión conseguida en decembro de 2019 --aínda recoñecendo "erros"-- e, en menor medida, o achegamento que trouxo a difícil situación da pandemia.  

"O que aconteceu durante a pandemia –antes e despois do confinamento-, xa o sabemos: desoíronse as voces dos diferentes axentes da comunidade educativa, non se tomaron as medidas que se debían tomar, deteriorouse o noso sistema educativo e, finalmente, pagárono coma sempre aquelas e aqueles que menos teñen e máis o precisan. Aínda descoñecemos os efectos que estas decisións tiveron no que será o futuro de miles de persoas", apuntan.

Así foi que no verán de 2020 estas asociacións volveron ir "da man" para tentar mobilizarse xuntas fronte a este "desleixo". Aínda recoñecendo as dificultades atravesadas entón, o STEG recorda que a mobilización conxunta carrexou o reemprazo dos cargos de Educación por parte da Xunta de Galicia, incluído a propia conselleira, Carmen Pomar. 

"FRUSTRACIÓN"

O sindicato remata a misiva chamando de novo a esa participación unitaria, dado que as circunstancias, un ano despois, seguen a deixar "moito que desexar". Apuntan, neste respecto, aos "sucesivos recortes de profesorado, a redución da oferta educativa para o alumnado de secundaria, maiormente na contorna rural, a privatización de servizos complementarios" e outros. 

"Observamos con preocupación que, de novo, aquela mínima unión sindical que fomos quen de acadar nalgúns momentos, pasa a un segundo plano consonte avanza o tempo e malia a grave situación", explican, antes de subliñar que "todos os procesos de loita –individual, colectiva, política ou sindical- conlevan unha dose grande de frustración; agora ben, tamén un elemento importante de esperanza: a de mudar o estado de cousas". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta