Unha casa de indianos que podería acabar en aparcadoiro, historia dun patrimonio cultural que esmorece

As vivendas dos emigrantes retornados trouxeron códigos estéticos da arquitectura suramericana. A demolición de casas que non están en risco de derrube trae un baleiro na nosa historia. Esta casa da Lama do 1919 non é tan vistosa como a Torre dos Moreno ou a Casa da Maleta, pero é patrimonio.

Por Alicia Casas | PONTEVEDRA | 08/10/2021 | Actualizada ás 22:01

Comparte esta noticia

Unha veciña escoita que queren derruír a "casa máis bonita do pobo" para facer un aparcadoiro. A idea é do dono dun hotel, agora en reformas, que é irmán do alcalde. El contaríallo á vila, di un veciño. E a vila, a falta de probas, dá "a cousa por feita". Pero hai quen quere conservala e mesmo facer nela un museo. A casa é do 1919, está na Lama, e forma parte dun relato que conta un anaco moi concreto da historia de Galicia. Aquel momento no que emigrantes retornados das Américas, con máis ou menos fortuna, construían casas con elementos novidosos por seren alleos á arquitectura tradicional galega. Traían os códigos estéticos de Cuba, Argentina, Brasil ou Puerto Rico, para mostrar un triunfo: os cartos, que facían dos indianos auténticos líderes locais.

Casa indiana na Lama que  pretenden derruír para construír un aparcadoiro.
Casa indiana na Lama que pretenden derruír para construír un aparcadoiro. | Fonte: Explomo

A casa en cuestión, é verdade, non é tan vistosa nin tan emblemática como a Torre dos Moreno, en Ribadeo, que se non fora pola compra dun asturiano "de moitos cartos" (propietario de 'Paisajes de Asturias') estaría tamén agora en risco por deterioro. Pero desfeita si está a Casa Pernas, que Miriam Elena Cortés buscaba por Viveiro anos atrás para dar conta, grazas a un olivo que sobrevivira pero malvivía tallado, que a casa non estaba e fixeran no seu lugar un edificio de catro ou cinco alturas no que integraran a fachada.

A Doutora en Historia da Arte recorda cando foi traballar a arquitectura de indianos á zona do Barbanza, na que non hai moitos exemplos, e cando comprobou que un dos poucos casos característicos (Casa de Formoso) estaba no Porto do Son e fora demolido para construír un centro social. Unha casa de indianos, na que nunca chegara a vivir o propietario, do lado do Concello. Agora un centro social. Tamén recorda, como non, os sucesivos retrocesos espaciais da Casa Carnicero, en Oleiros, que aparecía descontextualizada do lado dun enorme edificio pasando a ponte da Pasaxe ata que o Día do Carmen de 2020 cocluía cun lume que concluía cos traballos de deterioro. Pero o incendio non acababa coa polémica, pois o Concello decidiu demolela sen autorización de Patrimonio e fíxoo por sopresa, malia que arquitectos e especialistas en Art-Noveau alegaban que era recuperable. "Tiramos a ruína da casa porque era unha situación de perigo para a xente, fixen o que tiña que facer iluminado polo espírito de Simón Bolívar", declaraba o alcalde.

Ese estado deteriorado da Casa do Carnicero pouco ten a ver co estado no que se atopa a casa da Lama, que aínda así queren demoler. "Se algo non ten risco de desplome, non ten sentido derrubar", apunta Carlos Henrique Fernández Coto, presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego. E que non corre risco por desplome pódese ver de forma clara na reportaxe divulgada este mesmo ano por uns rapaces, que conseguiron acceder ao interior da vivenda "dunha maneira non moi axeitada", di Miriam Elena Cortés. Ela viaxou hai dous anos por Galicia para realizar unha investigación sobre a arquitectura de indianos, tratando sobre todo os elementos exteriores "precisamente porque entrar nos interiores é moi difícil".

Moitas destas casas, explica, están abandonadas porque quedan en herdanza para moitos descendentes ou existen conflitos entre os familiares e non é sinxelo contactar cos propietarios. Mesmo falando coa xente do lugar, non acostuman saber moito. A Doutora en Historia da Arte conta que deu cun caso en Ares no que o propietario, aínda que non vive aí, procura tela coidala porque pasan o verán nela. Pero non é o habitual, o habitual é atoparse na Mariña lucense ou en Gaxate (A Lama) con construcións "nun estado moi decadente" e nas que en moitas delas aparece o cartel de 'Se Vende'. 

Casa indiana na Lama que  pretenden derruír para construír un aparcadoiro.
Casa indiana na Lama que pretenden derruír para construír un aparcadoiro. | Fonte: Explomo

Outro dos factores que inflúe no estado de conservación destas vivendas é a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, que si que as protexe pero faino "de pasada", apunta o presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego. E o problema dase cando os concellos non teñen o plan actualizado e descoñecen que as casas de indianos están protexidas. Carlos Henrique Fernández Coto mesmo lembra o caso no que conseguiron parar a demolición dunha casa en Bueu ao pór en coñecemento do alcalde "ese dato, por se non quixera que o promotor a derruíra".

Miriam Elena Cortés censura que, malia que aparezan recoñecidas como patrimonio arquitectónico singular, a protección non se leva á práctica: "Non hai protección algunha, e se se desatende este patrimonio estase a romper unha parte importante da historia de Galicia, a da emigración máis rica dende o punto de vista arquitectónico, porque o segundo movemento migratorio xa non deixa construcións con ese compoñente pintoresco". Habería ademais unha segunda perda segundo a investigadora, a do proceso de retroalimentación, pois "igual que o emigrante que retorna quere construír unha casa co que viu, en América esas tipoloxías están inspiradas á súa vez en modelos europeos".

Construír unha casa co que un ve cambia en cada caso e por razóns evidentes. Convirte cada vivenda nunha construción singular, única. Razón pola que o correcto é falar de arquitectura de indianos e non de arquitectura indiana, explica Miriam Elena Cortés, pois os códigos estéticos cambian. Eses cambios nos códigos estéticos debullan o noso territorio, divídeno, un país dentro doutro.

Carlos Henrique Fernández Coto di sobre a casa da Lama que nada semella ás do norte, en Lugo, que son "verdadeiras xoias arquitectónicas". Miriam Elena Cortés apunta que nesa zona era moito máis habitual que a xente emigrara a Cuba, polo que hai moitos máis recordos desa arquitectura "moi imperial, europeizante, con galerías e balcóns, con cúpulas chamativas". Carlos Henrique Fernández Coto pensa na Casa da Maleta, en Fene, coa escultura na cúpula do emigrante coa maleta.

Pola contra, as casas do sur, en Pontevedra, son "máis coloniais, influenciadas por Brasil, con esa torre- mirador tan habitual na Guarda, ou ese elemento curioso (verge board) que decora as cubertas e é tan típico tamén de Puerto Rico", di a Doutora en Historia da Arte. Quen engade que, por suposto, entre norte e sur de Galicia tamén hai cruces. E unha ausencia: a provincia de Ourense. A nivel galego hai dous catálogos de arquitectura de indianos feitos, o das provincias da Coruña e Lugo e o das casas da provincia de Pontevedra. Falta o de Ourense, que a investigadora considera, sería bo facer. Aínda que reflexiona: "ao mellor non tivo este tipo de manifestacións porque non están en zonas costeiras e, por exemplo na Coruña e en Pontevedra, houbo un factor puntual pero tardío que condincionou a emigración entre 1910 e 1920, que foi a crise da sardiña".

"O COCHE MÁIS GRANDE QUE HAIGA"

Houbo outro factor determinante, alén do país ao que emigraban os galegos, para a contrución da vivenda cando retornaban. Non todos os indianos voltaban con moitos cartos, algúns voltaban máis moderadamente, non todos marchaban coa intención de facer fortuna, algúns marchaban para subsistir. O que si había sempre era a intención de mostrar que había cartos, porque era un indicio de posición social. Do "coche máis grande que haiga" acórdase Carlos Henrique Fernández Coto.

Pero quen non traía moitos cartos "podía só aspirar a readaptar a súa casa", explica Miriam Elena Cortés. Xente que acondicionaba as casas da aldea para darlle "un lavado de cara". Engadían elementos como os baños na parte posterior ou comezaban a construír garaxes porque era o que os diferenciaba do resto da poboación. A casa da Lama que podería tornar en aparcadoiro é, probablemente, un destes casos de readptación dunha casa tradicional, segundo explica a investigadora.

A casa dunha familia máis ben humilde na que se ve unha sala decorada con pinturas e na que "hai un interese por remarcar a zona principal da casa". Tamén, explica a Doutora en Historia da Arte, están os baños na parte posterior, a data de fundación da casa ou as portas traballadas en madeira, pero "non falaría dun estilo modernista, senón ecléctico moi refinado, xa que mezcla determinados elementos moi discretos".

Non é logo unha desas casas con xardíns enormes, especies traídas de América e paxareiras fermosas. Pero é unha casa de indianos, "as primeiras non tradicionais que se constrúen en Galicia", indica Carlos Hernrique Fernández Coto, outra máis "nunha situación lamentable", reproba Miriam Elena Cortés. Ela contrapón a xestión desta arquitectura en Galicia aos exemplos de Portugal e Asturias, onde permanece "moi ben coidada e restaurada" a Casa Colombres, que alberga o arquivo de indianos e se erixe como "icono de ata onde respetan en Asturias esta arquitectura".

A investigadora opina que se non hai interese pola conservación desta arquitectura é porque non xenera recursos, non é motor económico. E para non perder este patrimonio cre que habería que comezar por valoralo, non banalizalo, e intentar manter a súa estética inicial. Carlos Henrique Fernández Coto considera que é importante para Galicia, como para calquera pobo que se aprecie a si mesmo, non demoler infraestruturas que son irrecuperables porque son únicas. Di: "A casa da Lama igual non ten tanto esplendor como a Torre dos Moreno ou a Casa da Maleta, pero representa unha época, precisamente os tolos anos vinte nos que a xente viu aquí con cartos e quixo invertir na cultura que aprendeu no estranxeiro".

"Se se tira quedaremos sen unha neurona galega", zanxa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Casilda

Interesante artigo, mais... faltan opinións diferentes. Pois, que conservar? Temos un legado enorme, non é posible --material nin humanamente-- mantelo todo, sen uso non ten sentido, lexislar sen concretar é un disparate. Exemplo, os hórreos declarados BICs que non sabemos cantos son, onde están, non están informados os proprietários, sen un plano de conservación. Fume! Igual coa arquitetura dos indianos. E nada axudan as plataformas mediáticas retrógadas do señor Coto como Maltratado da Paisaxe, que censura a quen se atreve a contradicilo (e xa poden ser profesionais, como Ergosfera), e espalla termos como 'feismo' coa axuda interesada de La Voz de Malícia. O dito, falta pluralidade e actualizar referentes nun debate moi necesario.

1 Casilda

E nada axudan na pretendida defensa patrimonial plataformas para lucimento persoal, que fan ruído un día e no seguinte aparecen de ganchete co político e co medio abusador, censuran opinións discordantes e nada aclaran sobre o património como unha escolla plural, desde a base, pois só o que a sociedade asume como propio terá garantida a conservación.