Galicia enxalza a figura de Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética e o feminismo

O Consello da Cultura Galega publica un libro que aborda a vida persoal e profesional da científica do ano 2021 en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/10/2021 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este venres un libro homenaxe á figura de Jimena Fernández de la Vega (1895-1984), científica galega e pioneira no mundo das ciencias e o feminismo, á que se dedica este 2021 o Día da Ciencia en Galicia.

Jimena Fernández de la Vega
Jimena Fernández de la Vega | Fonte: RAGC.

Á presentación de 'Jimena Fernández de la Vega. Un modelo de científica adiantada ao seu tempo', celebrada na sede do Consello da Cultura en Santiago de Compostela, asistiron a presidenta do organismo, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias; Juan Manuel Lema Rodicio; o responsable da publicación, Antón Álvarez Sousa; e a sobriña da homenaxeada e presidenta do Consello de Estado, María Teresa Fernández de la Vega.

Na súa intervención, Álvarez destacou a importancia de "recoñecer as voces do pasado para asegurar o avance do futuro", sobre todo en canto a feminismo e respecto dunha muller que "brillou con luz propia nun contexto hostil".

"Pregúntome cantas dose extra de dedicación e esforzo necesitaría para destacar nun mundo deseñado para os homes e para derrubar os prexuízos de mesmo os seus propios mentores", comentou a presidenta do CCG.

Pola súa banda, Sousa profundou no contido dun libro no que colaboraron figuras como o reputado investigador galego e experto en xenética Ángel Carracedo, a secretaria xeral de Estado de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e a propia María Teresa Fernández de la Vega.

O volume confórmano sete capítulos, cada un dos cales aborda unha faceta da científica galega, mesturando o seu lado máis persoal, o seu traballo como investigadora científica e o seu papel como referente feminista.

"O libro vira ao redor de tres grandes eixos que representou Jimena Fernández de la Vega: o feminismo pragmático, o estructuralismo constructivista e a sociobioloxía crítica, onde defendeu que non podemos xustificar a construción social do corpo coa xenética", explicou Sousa.

E é que De la Vega, "unha intelectual total", que trataba de "espertar inquietudes e chegar a un cambio", foi unha pioneira no ámbito da xenética en España, e recoñecida mesmo polo doutor Gregorio Marañón, "non moi dado a encomiar o traballo das mulleres".

Nada en Veiga de Ribadeo en 1896, foi, xunto á súa irmá xemelga Elisa, a primeira licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, con Premio Extraordinario incluído. Ademais, a galega foi unha das primeiras bolseiras pola Xunta para Ampliación de Estudos (JAE), realizando estancias en Alemaña, Austria e Italia.

Á súa volta, loitou pola creación da Sección de Xenética e Constitución, dependente da cátedra de Patoloxía de Novoa Santos na Facultade de Medicina de Madrid, creada finalmente en 1933 e da que sería directora ata 1966.

Fernández de la Vega foi tamén directora de varios balnearios en Galicia, como o de Catoira ou o de Guitiriz.

"REFERENTE FEMINISTA E VOCACIONAL"

Para a súa sobriña, María Teresa Fernández de la Vega, a súa tía foi "un referente de esforzo e vocación", así como a responsable da súa militancia feminista.

"Inculcou en min o valor do coñecemento e a aprendizaxe e, afanada en construír unha habitación propia alá onde fose, agradezo que sempre me deixase entrar nela", sinalou a presidenta do Consello de Estado.

María Teresa Fernández de la Vega asegurou que as vivencias de Jimena "acenderon" nela o feminismo, unha causa á que dedicou "gran parte" da súa vida, tamén mediante o servizo público, e que entende como "unha homenaxe" á súa tía.

A exportavoz do Goberno central subliñou que, nos seus anos no mundo da política, sempre seguiu os seus consellos. "Nunca deixar de ler nin de aprender". A súa sobriña concluíu o acto destacando a unha "humanista convencida e convincente", unha "aventureira líder e tenaz" e "unha pioneira" que sempre amou Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta