O TSXG confirma oito anos de cárcere e cinco de liberdade vixiada para un mozo de 21 anos que abusou da súa sobriña de 13

A defensa do acusado presentara recurso de apelación por "erro na apreciación das probas".

Por E.P. | Ourense | 08/10/2021 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de oito anos de cárcere e cinco anos de liberdade vixiada que a Audiencia Provincial de Ourense impuxera a un mozo de 21 anos que abusou sexualmente da súa sobriña, de 13.

Pazo de Xustiza na Coruña, sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Pazo de Xustiza na Coruña, sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia | Fonte: Caronium en Wikipedia.

O fallo do alto tribunal galego, con data a 4 de outubro, confirma como probado que o acusado, o día de Noiteboa de 2018, aproveitou que a menor se ía a deitar e que ambos durmían en habitacións contiguas na casa dos pais para entrar no seu cuarto, introducirse na súa cama e tocala por todo o corpo.

A continuación, describe a sentenza orixinal da Audiencia Provincial, penetrouna vaxinalmente "sen que a menor opuxese resistencia pola vergoña que lle daba o que estaba a ocorrer ou polo medo que tiña ao seu tío".

Tras este fallo, a defensa do acusado presentou recurso de apelación ante o TSXG por "erro na apreciación das probas". E é que, ao seu xuízo, non se respectou o principio de presunción de inocencia durante a declaración da vítima e houbo falta de "coherencia interna" no seu relato.

Os maxistrados desestiman o recurso da defensa e advirten: "Parece non repararse en que a declaración dunha nena que foi obxecto dun abuso sexual, efectuada ante unha Sala de xustiza, non conta co mellor escenario para mostrar a seguridade que tanto bota en falta".

Ademais, o TSXG sinala que o informe psicolóxico forense realizado á menor consta que "é unha persoa vulnerable, con baixa autoestima" e cunha "pobre rede de apoio familiar", todos eles "factores que limitan a súa capacidade para decidir de maneira voluntaria". "Así que nada ten de raro que haxa que sacarlle as respostas e dirixir o interrogatorio", conclúen os maxistrados.

Por todo iso, o TSXG desestima o recurso de apelación e confirma na súa integridade a condena de oito anos de cárcere e cinco de liberdade vixiada para o acusado, así como a prohibición de achegarse á vítima a menos de 300 metros do seu domicilio, o seu colexio, o seu lugar de traballo ou calquera punto onde se atope durante 10 anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta