Subcontratas, unha tea de araña para a precarización laboral

As subcontratas son para os representantes dos traballadores a vía de precarización laboral máis perigosa. A medida que a subcontratación vai dividíndose, as medidas de seguridade e prevención laboral van diminuindo. Desta maneira, as cifras de accidentes no traballo en obra pública recae sobre todo en pequenas empresas que realizan os traballos de execución da obra.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 09/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O sector da construción é o que máis emprega o sistema da subcontrata. Nunha poxa pública por un proxecto, unha grande empresa só aportaría os cadros técnicos e oficiais de primeira, as demais tarefas serían realizadas por outras empresas contratadas pola primeira. Ao mesmo tempo, algunhas das empresas que foron contradas pola primeira, poden realizar outra subcontrata. E todo isto “á baixa”, é dicir, canto menor sexa o custe para a empresa que subcontrata mellor. O problema vén cando se profundiza nesta tea de araña, é moi posible que as condicións laborais, preventivas e salariais sexan polo menos, cuestionables.

Traballos nun túnel das obras do AVE.
Traballos nun túnel das obras do AVE.

DE ARRIBA CARA ABAIXO

“A subcontratación é unha representación da capacidade organizativa das empresas dentro das marxes previstas na lexislación”, indican desde a Consellería de Emprego. Esta práctica e “as súas limitacións” están reguladas pola Lei 32/2006, de 18 de outubro, reguladora da subcontratación no Sector da Construción. Tamén se lle suma o artigo 43 do Estatuto dos Traballadores (RDL 2/2015) ou a Lei de  Prevención de Riscos Laborais. Esta última ten “obrigas xerais en materia de responsabilidade das empresas contratistas e promotoras, por exemplo, ante accidentes laborais de persoas das empresas da cadea de subcontratación”.

“A empresa matriz, a primeira en acceder á licitación é a que paga ás seguintes” di Jesús Fernández de CCOO. “Legalmente non pode haber máis de tres empresas subcontratadas”. “A subcontratación debera paralizarse por ser unha fonte de precarización laboral” indica Javier Carreiro de UGT. “Basicamente estamos diante dunha vía de optimización de recursos, aforrar en salarios” di Plácido Valencia, da CIG.

“A subcontratación o que trae é unha diminución da seguridade laboral e dos salarios” sinala Valencia. Isto débese aos escasos recursos de moitas pequenas empresas cuxo interese “está no beneficio do intermediario (empresario)”, a costa de recortes. Eses recortes nos orzamentos son definidos como “baixas temerarias”, é dicir, ofrecer o mesmo servizo por unha cantidade moi menor ao prezo establecido, din da UGT.

SEGURIDADE EN CUESTIÓN

As empresas deben ter un plan de prevención de riscos laborais que presentan coa súa oferta para unha licitación. As grandes empresas si teñen plans propios e poden elaborar novos plans adaptados a novos proxectos. As empresas subcontratadas poden ter os seus propios plans de prevención de riscos, mais non é infrecuente que “recollan o plan de prevención da empresa principal e o adapten” di Javier Carreiro.

Existe un deterioro do traballador en canto que en ocasións, os horarios poden extenderse máis horas do establecido” sinala Valencia, que engade sobre o recorte nos orzamentos da empresa: “trae tamén a falta de observación das medidas de seguridade”. Esta falta de observación pode ter como consencuencia accidentes graves ou mortais.

Outro punto a ter en conta é a subcontratación de autónomos, cousa que indicaría unha ramificación de “empresas flotantes” derivadads da empresa principal ou non. Contrato de autónomos para realizar traballos que a subcontrata non quere ou non pode facer. E isto pode realizarse noutros países da UE?

A resposta é que si, pois grandes empresas usan pequenas contratas que trasladan traballadores fóra do país baixo as condicións laborais e salariais do lugar de orixe, fóra do marco lexislativo laboral do país onde traballan. “Sábese dunha empresa que deixou aos seus traballadores “tirados” en Alemaña porque non puido cumprir co que lle pedían”. En Galicia isto acontecía con traballadores portugueses que viñan desde o país veciño nas “carriñas” para o traballo na construción.

O labor inspector é competencia do Estado, quen sanciona segundo as infraccións ou irregularidades cometidas. A  Consellería de Emprego resolve estes expedientes como Autoridade Laboral en Galicia. Por outra parte, engaden que “ante un accidente laboral dunha persoa traballadora dunha empresa subcontratada, a responsabilidade administrativa, civil e mesmo penal pódese estender ás empresas que a contrataron, se se constata incumprimento das obrigas legalmente establecidas”.

A eliminación da subcontrata é un obxectivo para algunhas forzas sindicais. Consideran que o deterioro das condicións laborais e salariais son ás veces tan graves, que ninguén debera traballar baixo ese réxime. A contratación e a execución das obras para os sindicatos debera ser cousa da empresa matriz que leva o contrato da grande obra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta