Estes son os novos traballos na empresa privada de sete ex altos cargos da Xunta

O tempo máximo en que tardaron en asumir tarefas fóra da administración foi de seis meses desde a súa saída

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2021 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

A Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas da Xunta resolveu, en algo máis dun ano, un total de sete peticións de ex altos cargos do Goberno de Alberto Núñez Feijóo para incorporarse a unha actividade de ámbito privado, entre eles, o que foi director do Igape, a anterior directora xeral de Familia ou o ex secretario xeral de Presidencia.

Os membros do Consello e os cargos que designa están sometidos á lei de transparencia e bo goberno, que no seu artigo 45 establece as limitacións ao exercicio de actividades posteriores ao cesamento dun cargo público. Así, durante os dous anos seguintes á data do cesamento, os altos cargos non poderán realizar actividades nin prestar servizos en entidades privadas relacionadas con expedientes sobre os cales ditasen resolución no exercicio do cargo.

A excepción é para aquelas persoas que se reincorporen a entidades privadas que xa exercesen con anterioridade a ocupar o posto de alto cargo, a condición de que a actividade que vaian desempeñar nelas sexa en postos de traballo que non estean directamente relacionados coas competencias do cargo público ocupado nin poidan adoptar decisións que afecten as competencias do cargo público desempeñado.

A lexislación tamén inclúe que durante os dous anos seguintes á data do seu cesamento, os altos cargos tampouco poderán asinar, nin en por si nin a través de entidades participadas, directa ou indirectamente en máis do 10 por cento, contratos de asistencia técnica, servizos ou similares coa Administración pública na que prestasen servizos, sempre que garden relación directa coas funcións que exercía o alto cargo.

Así, as persoas que participasen no Goberno, durante os dous anos seguintes ao cesamento, deben efectuar ante a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas declaracións sobre as actividades que vaian realizar, con carácter previo ao comezo. Nun mes desde a recepción no rexistro, debe pronunciarse sobre a compatibilidade coa actividade privada e publicada na web de Transparencia.

SETE EXPEDIENTES

Desde xuño de 2020, a Oficina de Incompatibilidades, a cuxo informe accedeu Europa Press, resolveu sete expedientes de incorporación, vinculados con seis ex altos cargos que deixaron o seu posto neste mandato. Desde o cesamento no cargo, tardaron como máximo seis meses nesa incorporación ao ámbito privado --tras o informe favorable, cun prazo dun mes--.

Concretamente, na listaxe atópase Juan Manuel Cividanes, que foi director xeral do Igape e deixou o posto o 24 de setembro de 2020. En decembro dese ano foi aprobada a súa incorporación a Xagoaza Investimentos S.L. e o 30 de decembro dese ano como administrador e socio nunha sociedade de nova creación que non se especifica.

Amparo González, que foi directora xeral de Dinamización Demográfica na súa última etapa no Goberno de Feijóo, obtivo autorización o 1 de decembro de 2020 para incorporarse como asesora de empresas para Galega de Subministracións Industriais 2020, S.L.

O que foi secretario xeral de Presidencia, Manuel Galdo Pérez, que cesou en xaneiro de 2020, foi autorizado para incorporarse como director xerente da Cámara de Comercio da Coruña en xuño dese ano; mentres que o que foi xefe de gabinete da Consellería de Infraestruturas, Iago Domínguez, contou coa resolución favorable a incorporarse á Xerencia do Clúster da función loxística de Galicia en outubro de 2020, tras cesar en abril.

Pola súa banda, o anterior director xeral de Comunicación da Xunta, Lucas Martinón, que saíu do seu cargo en novembro de 2020, recibiu luz verde ao impulso como autónomo dunha consultaría de comunicación.

Finalmente, o informe incorpora a autorización para que José Antonio Vázquez Martín, ex xefe de gabinete da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, asumise en marzo deste ano funcións de dirección e xerencia e prestación de servizos como arquitecto por conta propia nun estudo, tras cesar en setembro de 2020.

POLÉMICA ANTERIOR

A web non recolle máis aló de 2020. Ese ano, aínda que non está no informe, foi polémica a incorporación da exconselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato a Greenalia, en febreiro dese ano.

Nunha comparecencia en novembro de 2020, o director de Función Pública, José María Barreiro, defendeu que non se apreciaba "incompatibilidade" algunha e xustificou que a que foi tamén titular da carteira de Traballo realizara unha "declaración expresa" de que ela non asinara nin sobre a matriz nin sobre ningunha entidade do grupo durante o seu labor como cargo da Xunta.

Ademais, naquela resposta no Parlamento de Galicia en novembro de 2020, Función Pública (que ten adscrita a Oficina de Incompatibilidades), remarcou que Mato cesou no cargo o 27 de setembro de 2018, polo que a súa incompatibilidade acababa o 27 de setembro dese ano, aínda que a exconselleira xa fora fichada en febreiro. En maio de 2021, a empresa incorporou a Beatriz Mato o seu consello de administración.

A incompatibilidade de actividades privadas por parte de ex cargos públicos cobrou actualidade nos últimos días pola fichaxe de Iberdrola España ao que fose candidato socialista en Madrid Antonio Miguel Carmona en plena crise eléctrica e coa batalla aberta coas compañías polo recibo da luz por parte do Goberno de Pedro Sánchez.

O ex director do Igape, Juan Cividanes, en rolda de prensa. XUNTA
O ex director do Igape, Juan Cividanes, en rolda de prensa. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Non pasa nada. Foron inúteis para a defensa do interese público, e agora farán o propio para o interese privado. Que lles vaia ben, pero que non volvan.

1 Atlantic

Poñer a coidar das galiñas ó lobo... E non apreciarán ningunha incompatibilidade. 10 anos sen pasar ó eido privado coa excepción de voltar ó posto de traballo anterior ó da súa incorporación á función público. Sen excepción... A indixencia neuronal dos votantes destes africanistas ispañistanís fai o resto...