Feijóo anuncia que presentará "en tempo e forma" os orzamentos para homenaxear a Valeriano Martínez

O presidente, nun artigo, lembra ao conselleiro de Facenda como un "amigo" que se dedicou a "construír" a Administración durante 36 anos

Por Europa Press / Redacción | | 10/10/2021 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, publicou este domingo nos xornais galegos que máis publicidade institucional reciben, ningún deles xornais en galego, un artigo en recordo do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, falecido o mércores no seu despacho en San Caetano.

"Din os seus compañeiros na Consellería que a mellor homenaxe que se lle pode facer é presentar en tempo e forma un proxecto de orzamentos para 2022 que tiña case ultimado e no que traballaba cando o levou a morte de maneira inesperada", asegura o mandatario autonómico.

"Cumpriremos, como non podía ser doutro xeito, con esta pequena homenaxe, e botarémosche moito en falta, amigo Valeriano, o amigo que amaba a Galicia, que axudou a construír", promete seguidamente Feijóo, no mesmo artigo titulado 'A Valeriano, in memoriam'.

O presidente da Xunta manifesta así mesmo o "orgullo" de poder considerarse amigo dun conselleiro do que "moitas cousas boas dixéronse estes días". "E todas merecidas", dixo. Así, lembra como entrou con Perico --tal e como lle chamaban os seus amigos-- na Xunta en maio de 1985 e como ambos traballaron sempre xuntos salvo os anos que o agora presidente estivo en Madrid.

"Podo asegurar que poucas persoas fixeron tanto pola Administración autonómica como el, que dedicou máis de tres décadas e media da súa vida ao servizo público, entendido como moito máis que un emprego", asegura Feijóo, que destaca que Martínez traballou "sempre arreo para mellorar Galicia e a calidade de vida dos galegos". De feito, sinala que "foi un dos arquitectos principais da Administración autonómica e dedicou a construíla 36 dos 40 anos que ten o edificio".

"UNHA MENTE PRIVILEXIADA"

Así mesmo, o presidente sostén que o conselleiro "tiña unha mente privilexiada e unha lucidez extraordinaria", o cal, "unido á súa profunda capacidade analítica e aos seus 36 anos de experiencia", permitíalle "anticiparse aos acontecementos e afrontar con máximas garantías calquera situación".

"Un gran xestor, en resumo, que ademais fuxiu sempre de calquera protagonismo", resume o titular da Xunta, que tamén destaca de Martínez "a súa ironía", o seu "enxeño" e a súa "axilidade verbal, moitas veces temida polos que fomos os seus compañeiros".

"A súa pegada quedará nas contas de Galicia que el cadrou, antes de emprender o camiño que, antes ou despois, todos debemos percorrer. Que a terra che sexa leve", finaliza o presidente da Xunta no seu artigo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no Consello da Xunta. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no Consello da Xunta. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lionel

Por certo non estarían mal uns desfribiladores en San Caetano....digo se caben nos presupostos.