Baixan a 14 os novos contaxios de Covid-19, pero aumentan a 47 os pacientes hospitalizados

Os casos activos descenden a 502 e a taxa de positividade cae ao 0,5% en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/10/2021 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

Galicia arrinca esta semana cun descenso dos novos contaxios de Covid-19 a 14, a menor cifra desde o inicio do outono e da 'nova normalidade', mentres que os pacientes ingresados aumentan a 47 --tres máis--. Os casos activos deste coronavirus baixan a 502 e a taxa de positividade cae a un 0,5 por cento.

Segundo os datos publicados na mañá deste luns pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 do domingo, mantéñense 10 persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI e ascenden a 37 os ingresados noutras unidades --tres máis--, mentres que 455 pacientes permanecen en seguimento domiciliario.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente nas da Coruña e Cee, onde seguen tres pacientes en UCI e soben a 16 os doutras unidades --dous máis--; e Vigo, que continúa cun ingresado en críticos e oito noutras unidades --un máis--.

Nas outras cinco áreas sanitarias non hai cambios con respecto á xornada pasada, polo que Ferrol segue sen ingresados pola Covid-19; a de Ourense ten un en críticos; e a de Pontevedra e O Salnés un en UCI e outro en planta. Polo seu lado, a área de Lugo conta con tres ingresados por este coronavirus en UCI e catro noutras unidades; e a de Santiago e Barbanza cun en críticos e oito noutras unidades.

MENOS CASOS ACTIVOS

Galicia arrinca esta semana coa primeira ponte --a do 12 de outubro-- sen restricións de mobilidade pola Covid-19 con 502 casos activos, que supoñen 32 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (46) que contaxios (14).

As infeccións activas aumentan lixeiramente en dúas das sete áreas: A Coruña e Cee (+1) e Ferrol (+1); mentres que descenden en cinco: Ourense (-10), Lugo (-8), Pontevedra e O Salnés (-8), Vigo (-7) e Santiago e Barbanza (-1).

Deste xeito, a área da Coruña e Cee segue á cabeza con máis casos activos, con 157, polo que é a única con máis dun centenar; seguida da de Vigo, con 98; Ourense, con 77; Lugo, con 73; Santiago e Barbanza, con 61; Pontevedra e O Salnés, con 30; e á cola mantense Ferrol, con seis.

DESCENSO DE CONTAXIOS

En canto aos novos contaxios de Covid-19 caen a 14 no conxunto de Galicia no inicio desta semana, o que supón 15 menos que os 29 cos que finalizou a anterior, e representan a cifra máis baixa desde que entrou Galicia en niveis de 'nova normalidade'.

Todos eles foron positivos detectados por Proba de Detección de Infección Activa nas últimas 24 horas, deles sete corresponden á área da Coruña e Cee; dous, á de Santiago e Barbanza; outros dous, á de Vigo; un, á de Pontevedra e O Salnés; outro, á de Lugo; e outro, á de Ferrol, mentres que na de Ourense non houbo.

En canto á taxa de positividade das probas PCR --número de infeccións detectadas cada 100 test-- comeza a semana cun 0,5 por cento, tras o 0,77 rexistrado o día anterior. Deste xeito, mantéñense por baixo do 5% que a OMS fixa como limiar para considerar controlada a pandemia.

Un grupo de turistas consulta unha carta na terraza dun bar en Santiago de Compostela.. César Arxina - Europa Press
Un grupo de turistas consulta unha carta na terraza dun bar en Santiago de Compostela.. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta