O CGAC inaugura a exposición 'From Spain With Design', que mostra "a proxección do deseño español"

A mostra, que aborda todos os tipos de deseño, abre este venres e poderá visitarse no horario habitual do museo.

Por E.P. | Compostela | 13/10/2021 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) inaugura este venres a nova exposición 'From Spain With Design (FSWD)/Identidade e territorio' para "mostrar a proxección do deseño español a nivel nacional e internacional".

A mostra, promovida pola Rede Española de Asocaciones de Deseño (READ), presentouse este mércores nunha rolda de prensa no CGAC, na que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o director do centro, Santiago Olmo; a presidenta da Asociación Galega de Deseño, Irene García e unha das comisarias da exposición, Uqui Permui.

A mostra enmárcase no 6º Foro de Deseño FEED, organizado para este xoves pola Asociación Galega de Deseño, e no 9º Encontro Nacional de Deseño, que se celebra tamén en Santiago este próximo fin de semana.

A exposición, na que participan 123 deseñadores, estrutúrase en catro ámbitos: Identidade e territorio, Interseccións, Internacionalización, Sostenibilidade e Complicidades. "Cada un deles achega de maneira sutil aos relatos que ofrecen os diferentes obxectos e espazos, que naceron para un uso e, ademais de responder a unha necesidade, crearon identidade", explicou a Consellería de Cultura nun comunicado.

Os traballos expostos abordan o deseño industrial, deseño gráfico, interiorismo e deseño de servizo que destacan "pola súa calidade, a súa proxección do mercado nacional e internacional; por ser un modelo de sinerxía entre profesionais do deseño e empresas, por dar respostas coherentes e construír valor", destacou Lorenzo.

"A exposición pretende abordar os aspectos máis relevantes do deseño actual en España; abordar o deseño como un feito integral da cultura contemporánea", explicou Olmo, que incidiu en que esta disciplina pode "axudar a comprender os feitos da cultura contemporánea".

INTERNACIONALIZACIÓN E DESCENTRALIZACIÓN

Por outra banda, a comisaria da exposición Uqui Permui, explicou que a iniciativa xorde dun proxecto valenciano e ten como obxectivo "a internacionalización e descentralización" do deseño, dado que colaboraron as 12 asociacións que conforman a READ. Pretenden, ademais, que percorra España e Europa, facendo unha parada na Feira do Libro de Frankfurt de 2022.

Permui indicou que o máis complicado foi escoller as obras que entrarían a formar parte da exposición. Segundo contou, cada asociación realizou unha listaxe cos deseñadores "máis representativos" de cada Comunidade. A partir de aí, un xurado seleccionaba aos que aparecían na plataforma web da exposición. A meta, sinalou, é que cada ano se revisen os integrantes.

A exposición poderá visitarse libremente no horario de apertura habitual do museo ou mediante unha visita guiada os domingos ás 12,00 horas.

O CGAC inaugura 'From Spain With Design'. CONSELLERÍA DE CULTURA
O CGAC inaugura 'From Spain With Design'. CONSELLERÍA DE CULTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta