O Goberno reivindica o investimento "histórico" en Galicia fronte aos "queixumes" da Xunta

José Miñones subliña que os 1.074 millóns de investimento suporán un incremento do 29,3% respecto ao actual exercicio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 14/10/2021 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reivindicou o "impacto histórico" dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) en 2022 para Galicia fronte ao que cualificou como "queixumes" da Xunta. En rolda de prensa do balance destas partidas, Miñones remarcou que os 1.074,7 millóns de investimento nesta comunidade autónoma suporán un incremento dun 29,3% con respecto ao actual exercicio. "398 euros de investimento por galego e galega fronte aos 274 da media nacional", resumiu.

"Un investimento por encima do PIB galego e por encima do seu peso poboacional", sentenciou tamén nunha intervención na que remarcou que Galicia é "un dos territorios máis beneficiados" nestes orzamentos. Deles, destacou o investimento social, as bolsas para estudantes, o bono de aluguer ou as partidas en infraestruturas, entre outras.

Nesta última, dixo que a comunidade autónoma galega é "a que máis crece en orzamento". Sobre as distintas partidas, especificou que máis de 60 millóns serán para mantemento, ao que se sumarán obras de renovación en autovías, ademais das vinculadas co Corredor Atlántico. Respecto das de Adif, citou, entre outras, a variante de Ourense, cunha partida de 22,7 millóns. Ademais, asegurou que nestes anos de goberno de Pedro Sánchez "Galicia recibiría un 27,1% máis de recursos que nos últimos catro anos de Rajoy", insistiu ao contrapor a xestión do actual Executivo coa do mandato do PP.

"DESMENTEN A CONFRONTACIÓN"

"Unhas cifras que desmenten o discurso de confrontación da Xunta", recalcou o delegado do Goberno. Por todo iso, e en resposta ás manifestacións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre o trato do Executivo central con Galicia, indicou que non caben "eses queixumes e esa confrontación". Por outra banda, e en referencia aos concellos, aludiu aos 2.050 millóns que as entidades locais recibirán vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e 1.128 vinculados á devolución do IVE e ás liquidacións negativas de 2020.

PABLO ARANGÜENA

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fai  balance do PGE para Galicia en 2022. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fai balance do PGE para Galicia en 2022. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA | Fonte: Europa Press

O viceportavoz parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena, tamén considerou que o proxecto de orzamentos xerais do Estado presentado polo Goberno central é "extraordinariamente positivo" para Galicia. Preguntado polas contas presentadas polo Executivo estatal, Arangüena destacou que van implicar "un notable aumento do financiamento en Galicia", especificamente en materia de infraestruturas.

"Hai que ter en conta que os anteriores presupostos xa marcaban un nivel de financiamento per cápita en Galicia moi superior á media das comunidades. É dicir, Galicia, nos anteriores presupostos xa tiña un financiamento por habitante, un investimento en infraestruturas por habitante, superior á media española", destacou.

Tras iso, dixo que estas contas reflicten un "aumento" que será "moi significativo". "A parte da cuestión das infraestruturas, todas as políticas sociais que está a facer o Goberno progresista de España desde que empezou a lexislatura, benefician máis a Galicia que outras comunidades", dixo.

Así, puxo como exemplo que, cada vez que soben as pensións "benefíciase máis a Galicia" porque "hai unha poboación máis envellecida". "Cada vez que se melloran as políticas de dependencia, benefician máis a Galicia porque temos máis persoas en situación de dependencia", apuntou.  Deste xeito, tras incidir en que as políticas sociais "benefician sistematicamente" Galicia, sostivo que a conxunción dun incremento do investimento en infraestruturas e un marcado carácter social vai determinar que estes van ser "uns orzamentos extraordinariamente positivos para Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta