O Concello de Santiago decláralle a guerra ás pintadas no Casco Vello

Ofrécense a limpar de forma gratuíta os grafitis sobre edificios da zona antiga. Calculan que hai 275 firmas só sobre elementos de madeira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2021 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago lanzou un servizo público e gratuíto de limpeza de pintadas e grafitis en inmobles e elementos privados do Centro histórico. O servizo foi presentado este venres en rolda de prensa polo alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e o responsable do departamento de Emprego, Xavier Ferreiro.

Segundo explicaron, a prestación, a demanda, poderá solicitarse mediante a descarga dun impreso na páxina web municipal e a súa remisión ao correo electrónico municipal entre o 18 de outubro e ata o próximo mes de marzo. Así, a solicitude enviada polo propietario ou comunidade de propietarios será estudada por un equipo municipal que se mobilizará ao lugar para estudar o elemento. Nos días seguintes, procederán á súa eliminación, ben borrándoo ou, de ser máis resistente, pintando por encima.

O equipo estará formado por cinco persoas e depende do departamento de Emprego. Ademais, segundo indicou o alcalde, forma parte dos convenios de colaboración entre o Concello e a Xunta, polo que está subvencionado pola Consellería de Traballo. Está dotado con 80.000 euros.

O responsable de Emprego explicou que o estudo previo realizado polo concello indica que existen 275 pintadas en carpintaría dos edificios do Caso Histórico, a zona acoutada "por capacidade" do servizo municipal, dado que é "a zona de referencia de Santiago".

ACABAR CO FEÍSMO E CONDUTAS INCÍVICAS

O obxectivo da iniciativa, segundo explicou Xavier Ferreiro, é acabar co feísmo do centro histórico e eliminar as condutas incívicas, "posto que non ten sentido seguir grafiteando se se van a ir borrando as pintadas". Ademais, Bugallo defendeu que a limpeza e acondicionamento dos elementos en malas condicións é "responsabilidade e deber dos propietarios", pero o problema é que "ao tratarse de inmobles privados, necesítase autorización da propiedade".

"O problema é que hai inmobles con diversos propietarios e ninguén se responsabiliza dese inmoble", comentou o rexedor municipal, que avanzou que "contemplan" empezar a sancionar a propietarios que teñen os seus inmobles en estado de abandono.

A este respecto, Bugallo defendeu a utilidade da desaparecida Sociedade Municipal de Vivendas e Servizos (MUVISA) para actuar non só "na recuperación do chan", senón tamén na expropiación. E é que o rexedor municipal expuxo inscribir no rexistro de solares os inmobles abandonados e que, pasados os dous anos de reclamación legalmente establecidos, quede habilitada a figura da expropiación forzosa.

Pintadas na Catedral en 2019
Pintadas na Catedral en 2019 | Fonte: EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta