Ollo coas estafas: a Garda Civil pide "precaución" ante as grandes ofertas na web

Veñen de deter a un home de Culleredo que actuaba nunha páxina de venda de móbiles: os terminais ofrecíanse con grandes descontos pero nunca chegaban.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2021 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O Equipo da Garda Civil da Comandancia da Coruña detivo a un home veciño do municipio coruñés de Culleredo como presunto autor dun delito de estafa na venda de produtos de telefonía a través dunha páxina web creada para iso. Así o informou o Instituto Armado, que indicou que os feitos ocorreron por mor das denuncias interpostas polas vítimas en distintas localidades das provincias da Coruña e Cáceres.

Nas denuncias os prexudicados comunicaron realizar compras nunha páxina de Internet especializada en telefonía e electrónica a cal ofertaba "grandes descontos en produtos novos", indica a Benemérita. Unha vez feita a adquisición e ingresado o importe, as vítimas non recibían a mercadoría nin o rembolso da cantidade abonada.

A Garda Civil iniciou unha investigación para comprobar a veracidade dos feitos e identificar o autor ou autores dos mesmos. Deste xeito, logrou pescudar que a páxina na que se realizaban as compras "fora creada especificamente para realizar este tipo de estafas", destaca.

O 'modus operandi' consistía en ofertar produtos de telefonía e electrónica con descontos de ata o 40% sobre o valor de mercado, para atraer así ás posibles vítimas, "as cales unha vez realizada a suposta compra, abonaban o o seu importe nunha conta pertencente a unha persoa relacionada coa organización, a cal exercía o labor de mula do diñeiro, traspasando posteriormente a cantidade recibida a unha das contas da organización", engade.

Tras a análise da información solicitada, a Garda Civil logrou a identificación plena unha das persoas que realizaban o papel de mula do diñeiro, quen resultou ser un veciño de Culleredo.

WEB ACTIVA

A Garda Civil procedeu á detención deste home como presunto autor dun delito continuado de estafa. Foi posto, xunto coas actuacións realizadas, a disposición do xulgado de Instrución de garda de Ribeira .

A Garda Civil advirte de que a páxina web cuxa sede social supostamente está localizada nas Illas Baleares, aínda que tras as comprobacións realizadas realmente sitúase en Islandia, permanece activa, polo que aconsella "a todos os usuarios de Internet a adopción das máximas precaucións para a realización das súas compras".

Unha estudante fronte ao ordenador
Unha estudante fronte ao ordenador | Fonte: EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta