O Goberno descarta adscribir Ence ao porto de Marín "por razóns de inviabilidade xurídica"

A Xunta trasladara unha consulta ao Consello Consultivo de Galicia para analizar a viabilidade legal sobre esta posible adscrición dos terreos de Ence ao porto marinense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2021 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

O Goberno central descartou a proposta da Xunta de adscribir os terreos que ocupa a fábrica de Ence ao porto de Marín "por razóns de inviabilidade xurídica". O secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, anunciou este venres que a posibilidade está "descartada" como xa o estivo cando se propuxo en 2005, apelando a un informe xurídico encargado ese mesmo ano polo Concello de Pontevedra.

"As condicións xurídicas non variaron", aclarou, polo que argumentos son asumidos pola Avogacía do Estado. A compañía pasteira tería que pechar a súa fábrica en Lourizán se o Tribunal Supremo ratifica a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a prórroga da concesión.

O representante do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico fixo este anuncio na mesa de traballo sobre o futuro de Ence que este venres volveu a reunirse na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, mentres un grupo de traballadores concentrábase no exterior do edificio.

A Xunta trasladara unha consulta ao Consello Consultivo de Galicia para analizar a viabilidade legal sobre esta posible adscrición dos terreos de Ence ao porto marinense. En caso afirmativo, o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo defendería esta proposta ante o Estado ao entender que a vinculación ao ámbito portuario destes terreos implicaría un réxime xurídico distinto e, por tanto, non sería aplicable a Lei de Costas. "Tentar explorar esta vía para eludir esa sentenza, non é viable", insistiu o secretario de Estado.

Igualmente, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, insistiu nas conclusións do informe municipal do 2005 en contra desa opción portuaria e reiterou a postura do Goberno municipal de que a única opción de Ence é o traslado.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta, Luís López, que asistiu á reunión en ausencia do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, defendeu esta posibilidade a condición de que se conte co respaldo do informe do Consello Consultivo de Galicia.

ESTUDO SOBRE LOCALIZACIÓNS

Na reunión da mesa de traballo, que volverá reunirse antes de finalizar o ano, o secretario de Estado de Medio Ambiente aceptou a proposta do comité de fábrica e avanzou que o Ministerio encargará "con carácter inmediato" un estudo independente para identificar posibles localizacións dentro de Galicia.

Ademais, Hugo Morán dixo que o Goberno está disposto ademais a "acompañar financieramente" calquera novo proxecto "con valor engadido" que a empresa propoña nunha localización diferente.

"Se a empresa tivese que acometer un investimento para unha nova recolocación, que incorporase un valor engadido á súa liña de produción, o Estado estaría en condicións de acompañar financieramente ese investimento, tendo en conta que a prioridade, en todo caso, é a defensa dos postos de traballo", dixo Hugo Morán.

"NON HAI OUTRO LUGAR VIABLE"

O delegado de Ence en Galicia, Antonio Casal, lembrou que xa hai dous informes técnicos externos que sinalan que en Galicia non se dan as condicións para poder recolocar unha pasteira na actualidade.

"Non hai outra alternativa, non hai outro lugar viable", lamentou, para recalcar que a compañía quere continuar en Lourizán. "A empresa non cambiou de postura, sempre dixemos que temos unha aposta por Galicia", sinalou.

Desde o comité de empresa de oficinas de Ence, Ana Cedeira lamentou a falta vontade política do Ministerio de Transición Ecolóxica para apoiar a adscrición ao porto dos terreos que ocupa a factoría de celulosas. Pola súa banda, o presidente do comité de fábrica, Antonio Lafuente, pediu axilidade na elaboración do informe estatal sobre a posible recolocación da factoría.

Arquivo - Un traballador de ENCE Pontevedra sostén unha necrolóxica que simula o seu posto de traballo acompañado por transportistas de madeira durante unha sentada organizada na Coruña diante da Delegación do Goberno. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Un traballador de ENCE Pontevedra sostén unha necrolóxica que simula o seu posto de traballo acompañado por transportistas de madeira durante unha sentada organizada na Coruña diante da Delegación do Goberno. M. Dylan - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta