A Mariña volve clamar polo seu futuro nunha manifestación multitudinaria

Varios miles de persoas concentráronse en Viveiro contra a crise industrial que sofre a comarca. Ana Pontón e Antón Gómez-Reino demandaron máis intervención política nos sectores en perigo, mentres que o PP cargou contra a "propaganda" do Goberno central.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2021 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

Miles de persoas responderon este domingo á chamada dos sindicatos CIG, CC.OO. e UGT para participar polas rúas de Viveiro nunha gran mobilización 'Polo futuro da Mariña', que reclamou ás administraicones unha solución á crise industrial que vive a comarca.

Veciños, traballadores, asociacións de comerciantes e representantes públicos de diferentes formacións políticas, entre eles alcaldes mariñáns, secundaron esta mobilización que tivo como principal transfondo os anunciados peches das plantas de Alcoa San Cibrao e de Vestas en Chavín.

Manifestacion polo futuro industrial da comarca da Mariña lucense. Miles de persoas secundaron a protesta dos traballadores de Alcoa e Vestas, entre outros, que percorreu as rúas de Viveiro.. CARLOS CASTRO/EUROPA PRESS / Europa Press
Manifestacion polo futuro industrial da comarca da Mariña lucense. Miles de persoas secundaron a protesta dos traballadores de Alcoa e Vestas, entre outros, que percorreu as rúas de Viveiro.. CARLOS CASTRO/EUROPA PRESS / Europa Press

O responsable de Unión Local da CIG na Mariña, Jorge Caldeiro, reclamou solucións políticas ás reivindicacións sociais, industriais e de investimentos despois dun ano no que a situación foi a "peor".  "Aos representantes do Goberno español e da Xunta éncheselles a boca apoiando as nosas reivindicacións, pero cando chegan a Madrid ou a Santiago esquécense de nós", denunciou, á vez que reclamou "feitos, non palabras" agora que arrincarán as tramitacións dos orzamentos autonómicos e estatais para 2022.

ANA PONTÓN E GÓMEZ-REINO

Por parte das formacións políticas, acudiu á mobilización a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen reclamou tanto á Xunta como ao Executivo estatal un plan con "políticas ambiciosas" para paliar unha crise "que leva demasiado tempo sufrindo a comarca" e que se levou por diante "na última década máis de 1.000 empregos na industria".

"Desde o BNG estamos hoxe nesta mobilización apoiando aos veciños da Mariña, que están a lanzar un SOS por Alcoa, por Vestas, pero tamén un SOS porque están a ver como lles están roubando o futuro", explicou. A líder nacionalista non dubidou en responsabilizar tanto ao Estado como á Administración galega: "Son os responsables desta perda de emprego industrial e de que hoxe teñamos a toda unha comarca co corazón nun puño porque está en xogo o seu futuro".

"Alcoa só necesita unha intervención pública e en Vestas poderíanse salvar empregos vinculando os novos parques eólicos a que unha parte dos compoñentes se fagan en Galicia e isto evitaría a deslocalización de empresas", suxeriu Pontón.

Pola súa banda, o deputado de Galicia en Común Antón Gómez-Reino reclamou ao conxunto das administracións un maior "apoio institucional" para A Mariña en materia industrial e de infraestruturas desde o ámbito orzamentario.

Neste contexto, Gómez-Reino lembrou que Alcoa está "nunha semana chave" para o seu futuro --o mércores, o Tribunal Supremo examinará o recurso da empresa contra a anulación do ERE que afecta a máis de 500 empregados de San Cibrao-- e reclamou unha "intervención inmediata" da factoría por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

O PP CARGA CONTRA O GOBERNO

Tamén acudiu a Viveiro unha delegación do Partido Popular encabezada pola súa presidenta na provincia, Elena Candia, quen demandou ao Goberno que "deixe de boicotear" á comarca e acometa cambios nas súas políticas enerxéticas. De feito, sumouse á petición lanzada esta semana polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que a SEPI interveña temporalmente a factoría de San Cibrao.

O portavoz popular na Deputación de Lugo, Javier Castiñeira, subliñou o apoio do partido ás demandas dos veciños e sindicatos da Mariña "para evitar o desmantelamento industrial da comarca", provocado por "o alto prezo da enerxía". "Pedimos un cambio absoluto da estratexia enerxética e da política do Goberno do Estado, cambios nos Orzamentos do Estado, que van contra A Mariña", recalcou.

Sobre a situación de Alcoa e a comarca tamén se pronunciou este domingo o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda. Nunha entrevista concedida á Radio Galega e recollida por Europa Press, afeou ao Goberno central que con San Cibrao faga o mesmo que "con todos os temas difíciles". "Primeiro fai moita propaganda e, cando ve que hai que mollarse e tomar decisións, empeza a desentenderse", resumiu, para seguidamente urxir á SEPI a que acometa "unha intervención, polo menos temporal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Chiripitifláuticos

Agora o PP pide a intervención. Sempre acaban pedindo o mesmo ca o BNG, iso si, despois de criticalos durante anos e cando xa é tarde de máis para reaccionar. Vaia comedia!