O delegado do Goberno cifra en 21 millóns a achega á Xunta para o plan de modernización da FP

José Miñones destaca que a cantidade permitirá a creación de case 3.500 prazas educativas e a formación de 1.572 profesores e profesoras.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 18/10/2021 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno, José Miñones, cifrou en 21 millóns a transferencia do Executivo central á Xunta do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para desenvolver este ano o Plan de Modernización da Formación Profesional. Esta cantidade, sinala, permitirá en Galicia, entre outras actuacións, a creación de case 3.500 prazas educativas e a formación de 1.572 profesores e profesoras.

O Boletín Oficial do Estado publica este luns a resolución do Ministerio de Educación e Formación Profesional que materializa a distribución para este ano dos fondos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia dedicados ao impulso do Plan de Modernización da Formación Profesional.

Nesta distribución, José Miñones remarcou que a Xunta recibe 6,56 millóns de euros para o redimensionamento da oferta formativa de Formación Profesional durante o curso 2021-2022, coa creación de 3.484 prazas.

OUTRAS ACHEGAS

O delegado tamén puxo de relevo a aposta polo desenvolvemento do novo sistema de avaliación e acreditación permanente de competencias básicas e profesionais. Galicia recibe nesta anualidade 7,2 millóns de euros co que se prevé acreditar as competencias de máis de 27.800 traballadores e traballadoras este ano.

Ademais, detallou que a resolución do Ministerio de Educación tamén recolle fondos destinados á conversión de ciclos de grao medio e grao superior en bilingües. Para o presente exercicio económico, o Ministerio achega á Consellería de Educación seis millóns de euros "cos que poderá crear en Galicia 45 grupos de alumnos con educación bilingüe".

A distribución de fondos tamén recolle a conversión de aulas en espazos de tecnoloxía aplicada cun investimento para este ano de 772.775 euros. Neste exercicio actuarase sobre 14 aulas en Galicia.

O Ministerio tamén asigna este ano a Galicia outros 300.000 euros á creación de 28 aulas de emprendimiento. En canto á liña relativa á formación en dixitalización e sustentabilidade aplicada aos sectores produtivos, asígnase a Galicia 155.545 euros para a formación de 1.572 docentes.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones | Fonte: Delegación do Goberno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta