Un total de 410 estudantes universitarios de grao reciben os premios de excelencia

O 62% das persoas recoñecidas con estes galardóns son mulleres e o 38%, homes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2021 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se conceden os Premios de Excelencia Académica a 410 alumnos de grao universitario que obtivo as mellores notas no curso 2019/20 no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Dos premiados, 163 son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC); 115, da da Coruña (UDC); e 132, da de Vigo (UVigo). O 62% das persoas recoñecidas con estes galardóns son mulleres e o 38%, homes.

Por rama de coñecemento, o 45% son estudantes de ciencias sociais, o 18% de enxeñaría e arquitectura, o 15% de ciencias da saúde, o 13% de artes e humanidades, así como o 9% de ciencias.

Na USC a máxima nota conseguida, un 10, rexistrouse nas titulacións de Bioloxía, Historia, Medicina, Economía e Mestre de Educación Infantil. Tamén na UVigo a máxima foi dun 10 na titulación de Publicidade e Relacións Públicas. Na UDC, a máxima nota é un 9,933 no programa de simultaneidade de Grao en Administración e Dirección de Empresas e Grao en Dereito (Campus da Coruña).

O orzamento total da convocatoria incrementouse este ano ata os 518.000 euros. Cada persoa premiada recibe unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo. Ademais, no caso de non esgotarse o crédito existente, asígnase unha contía complementaria de 500 euros ás persoas premiadas que teñen unha nota media igual ou superior a 9, comezando desde os expedientes con maior nota. Nesta convocatoria, reciben esa contía adicional un total de 216 galardoados.

No curso pasado concedéronse un total de 396 premios fronte aos 410 que se conceden este ano, o que supón un incremento de case un 3%, segundo informa a Consellería de Educación. Os Premios de Excelencia Académica completan os Premios Fin de Carreira, que cada ano outorga a Consellería de Cultura, Educación e Universidade aos mellores expedientes nas universidades do SUG.

Un erro obriga a aprazar ata esta tarde o exame de Filosofía da selectividade en Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo
Un erro obriga a aprazar ata esta tarde o exame de Filosofía da selectividade en Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta