Democracia Ourensana non repetirá "un pacto supramunicipal" co PP e concorrerá ás futuras eleccións

A formación liga a decisión aos orzamentos xerais e autonómicos e declárase "farta" de que Ourense sexa "a Cincenta" de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2021 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

Democracia Ourensana (DO), a formación que lidera o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou que non repetirá "un pacto supramunicipal" co PPdeG --como o acordo dos últimos comicios de 2020-- e que ten a intención de concorrer ás futuras convocatorias electorais estatais e autonómicas na provincia.

Así o trasladou a formación a través dun comunicado no que sinalan como o motivo principal da decisión os recentes orzamentos estatais e os "inminentes autonómicos" onde, denuncian, "non se aveciñan investimentos de relevo" para a provincia. "É a pinga que colma o vaso", apuntaron.

Nesta liña, sinalan que a "discriminación" de Ourense non cesa e que desde o partido ven obrigados a "combatela" porque están "fartos de ser a eterna cincenta do Estado e da Xunta". Algo que, expoñen, "sucede independentemente de quen goberne, PP ou PSOE".

Deste xeito, sinalaron que os PGE, presentados hai poucos días, non prevén "un só euro para a estación de tren" mentres que na cidade de Vigo "estreouse unha carísima estación". O rexedor municipal e líder do partido, Gonzalo Pérez Jácome, incide en que "é unha confirmación de que a estación nin está nin lla espera". "É tal o vacile a Ourense que o proxecto de construír a estación foi aprobado polo Estado en decembro de 2011", afean desde Democracia Ourensana.

XERAIS A FINAL DE 2023

A formación non se presentou a unhas eleccións estatais con anterioridade, as primeiras terían lugar a finais de 2023 de non ser adiantadas. Con todo, si que concorreron ás eleccións autonómicas en 2009, 2012 e 2016, quedando neste ano a 2.900 votos de obter deputado en Santiago de Compostela, dos 10.700 votos que necesitaban.

Así pois, a formación rememora que en 2020 non se presentaron porque existía un pacto municipal/autonómico co Partido Popular pero lamentan que "foi dinamitado" polos populares polo que, sentencian "ese pacto supramunicipal non volverá producirse".

A PESAR DE COGOBERNAR NO PP MUNICIPAL

"Ourense non deixa de ser a Cincenta de Galicia desde que no Concello cogobernamos co PP", criticaron desde DO apuntando, entre outros motivos, que "non apoian" a contratación de científicos para o centro intelixencia artificial ou que "nin sequera se achega diñeiro para arranxar a vintena de rúas autonómicas na cidade".

"O nacemento de DO como partido, en 2001, pivotaba sobre a discriminación da cidade e da provincia e tristemente isto non cesou", incidiron a través do comunicado no que aspiran a lograr "o que Teruel Existe, canalizar con poder a salvación orzamentaria dunha zona de España". Con esa aspiración, o partido considera que poderían optar aos 27.000 votos precisos na provincia para ter un deputado estatal en Madrid.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta