A Xunta lanza unha moratoria aos parques eólicos cargada de letra pequena

A administración autonómica pechará durante ano e medio as propostas de novos parques tras o gran rexeitamento social á "invasión eólica". Pero a medida contempla excepcións que, novamente, dependerán do Consello da Xunta. Stop Eólicos alerta da situación de "emerxencia social" ante a "invasión eólica" do rural.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/10/2021 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A Xunta non admitirá durante ano e medio --a partir da entrada en vigor en 2022 da lei de acompañamento aos orzamentos-- novas solicitudes de parques eólicos, aínda que se exceptúa desta moratoria a "aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estructurante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta".

Parque eólico de Naturgy na Pastoriza (Lugo) / NATURGY / Europa Press
Parque eólico de Naturgy na Pastoriza (Lugo) / NATURGY / Europa Press

Así figura no texto que este mércores remitiu o Goberno galego ao Parlamento, no que se recolle que esta medida se toma "debido ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de megawatts prevista nestes proxectos". Igualmente, o proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas aclara que esta decisión "non impedirá a modificación dos proxectos xa admitidos a trámite".

Ademais, estipúlase que, ante eventuais desestimientos ou renuncias de solicitudes xa presentadas, o Consello da Xunta poderá reabrir "temporalmente" o prazo para presentar novos proxectos "utilizando como referencia os megawatts en trámite". Segundo o Goberno galego, decídese frear estes proxectos durante 18 meses para unha "ordenación racional do sector". Todo iso nun contexto no que se producen numerosas protestas de plataformas veciñais e ambientais en contra de proxectos eólicos por incidencia sobre o territorio.

Xunto a isto, amplíanse as distancias para a instalación de aeroxeradores respecto de núcleos de poboación, de forma que terán que estar a 500 metros ou a cinco veces a altura total do aeroxerador (incluídas as pas).

STOP EÓLICOS

Stop Eólicos alertou da situación de "emerxencia social" ante a "invasión eólica" á que "a Xunta de Galicia e o Goberno central" están a someter o rural galego.

Este mércores, dous representantes da Rede Galega Stop Eólicos (RGSE), Margarita Prieto Ledo e Bruno Centelles, lamentaron que "amparándose" na estratexia de transición enerxética e na carreira por facerse cos fondos europeos de recuperación, as solicitudes en tramitación de aeroxeradores e liñas de alta tensión "criban" as aldeas galegas.

Facéndose eco dos datos publicados polo Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), en 2019 instaláronse 4.026 aeroxeradores e unha potencia de 3.900 mw. Actualmente, hai ao redor de 275 solicitudes de novos parques ente Xunta e Estado, cunha proxección de máis de 7.500 mw, "case o dobre dos instalados na actualidade".

"O rural está a vivir un auténtico pesadelo. Non hai recuncho de Galicia no que non se proxectou un parque eólico", lamentou Margarita Prieto, que subliñou ademais que estes "proxectos sobredimensionados" incumben unha redución dos prezos das propiedades, danos nos bosques e nos recursos naturais, así como riscos para a saúde.

"Están a transformar o rural totalmente, converténdoo nun gran polígono industrial. E isto atenta contra os dereitos humanos máis básicos", afirmou Prieto, que advertiu das consecuencias en canto a despoboamento rural.

Os comparecentes apuntaron que "non se trata de enerxías renovables, ao contrario", posto que se necesitan "inxentes cantidades de minerais que tamén van saír de territorio galego".

A MORATORIA, "UNHA ESTRATEXIA"

Por outra banda, a plataforma afeou a "estratexia" da Xunta de Galicia que, "xusto este mércores" anunciou unha moratoria para a admisión de novos proxectos de parques eólicos desde xaneiro de 2022 a xullo de 2023.

"Non nos vale de nada. É un insulto á cidadanía o feito de que a Xunta de Galicia pretenda presentar esta acción como unha forma de frear a 'tolemia administrativa' da 'explosión de proxectos' cando precisamente a Administración galega destaca por elaborar un corpus lexislativo especificamente permisivo", reprobaron.

Así, aseguraron que as "continuas modificacións das leis" só serviron para "acurtar prazos de alegacións e de exposición pública, entre outros" en aras do "interese público". "Interese público e social é o noso monte, as nosas augas, etc.", defenderon.

Entre as normativas "ao servizo das enerxéticas", citadas pola RGSE, están a Lei de Depredación e a de Simplificación Administrativa, que "non só axilizan a tramitación, senón que dificultan, por non dicir case que imposibilitan, á cidadanía exercer o seu dereito a informarse ou alegar".

Bruno Centelles asegurou ademais que a lexislación galega "favorece a multiplicación do clúster empresariais que se alían para pagar menos".

"O resultado é que o plan industrial eólico dun clúster preséntase a exposición pública en proxectos fragmentados ou independentes", explicou, para a continuación citar casos como os do Conxunto A Serra da Groba (parques eólicos Albariño I + TorroñaI + Torroña III); Conxunto Mariña Oriental (parques eólicos Barreiros I, II, III e IV); ou o Conxunto Bergantiños (parques eólicos Bustelo-Baralláns, Torreiro, Monte Muriño...), entre outros.

"A única saída sería unha paralización definitiva de toda a 'maquinaria' administrativa ante a evidente falta de transparencia e desprezo absoluto polo rural e o patrimonio común", defende a plataforma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta