PSdeG e BNG critican uns orzamentos da Xunta "austericidas", de "propaganda" e "mentiras"

O PPdeG defende as contas, que considera "acertadas".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/10/2021 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

O rexeitamento ao proxecto de orzamentos galegos para 2022 remitidos pola Xunta ao Parlamento --e que previsiblemente se plasmará en senllas emendas de devolución, á espera dunha análise máis completa-- foi compartido pola oposición (BNG e PSdeG), mentres que o PPdeG, grupo maioritario no Pazo do Hórreo, defendeu unhas contas que o seu portavoz, Pedro Puy, ve "acertadas" para a reactivación económica e social post covid.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, entrega ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Santalices, o Proxecto de Orzamentos de Galicia para 2022
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, entrega ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Santalices, o Proxecto de Orzamentos de Galicia para 2022 | Fonte: XOÁN CRESPO - Xunta de Galicia.

No polo oposto, tras a Xunta de Portavoces que organizou o pleno da semana próxima, a portavoz do BNG, Ana Pontón, replicou que os orzamentos que agora tramitará a Cámara (as comparecencias do Goberno para explicar os números dos seus distintos departamentos empezan o luns que vén) non son as contas que necesita Galicia para "a recuperación".

Ao seu modo de ver, as contas evidencian a un xefe do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, que "insiste en pensar Galicia en pequeno, cando máis se precisa pensar en grande". Así, recalcou que estas non son as contas que necesita o país para a recuperación económica, "reforzar" os servizos públicos ou enfrontar retos estruturais como o demográfico.

Pontón destacou que nin toda "a propaganda" que acompaña estas contas pode tapar que son "uns orzamentos de rutina que ignoran que hai que superar a maior crise social e económica en tempos de paz, e que non toman nota das leccións que deixa a pandemia nin no económico, nin no sanitario, nin no social". Ao tempo, reiterou que a rebaixa do IRPF supón "un agasallo fiscal" para as rendas altas, pero é "irrelevante" para as familias e os traballadores que viven dunha nómina.

Así mesmo, advertiu que inclúen "tres grandes mentiras". "Non é un orzamento histórico, xa que se se lle restan os máis de 200 millóns do IVE, xa computados noutros exercicios, é unha cifra inferior á de 2021. Pero é máis, se traducimos a euros constantes este orzamento é inferior ao de hai 12 anos", iniciou a súa enumeración.

Como "segunda mentira", Pontón aludiu ao "investimento histórico en gasto social" e incidiu en que, sen cuestionar o paso en si, "o incremento das partidas corresponde en gran medida á actualización dos salarios dos traballadores de sanidade, educación ou servizos públicos". Finalmente, censurou a "mentira" de que se "reduce a débeda". "Feijóo triplicou a débeda e o único que hai é unha redución nos custos dos intereses que se pagarán en 2022", afeou.

O PSDEG INSTA A CAMBIAR "AS POLÍTICAS AUSTERICIDAS"

Pola súa banda, o viceportavoz socialista, Pablo Arangüena, indicou que nos orzamentos hai "un compoñente de expansión en canto aos ingresos" e que están "inflados" debido ás achegas extra que chegan desde o Goberno central e da Unión Europea mediante os recursos de recuperación post covid.

Aínda así, Arangüena puxo en cuestión o deseño dunhas contas que, ao seu modo de ver e fronte ao que ocorre na contorna de España e da UE, asíntanse "nunha paradigma neoliberal". Para os socialistas galegos, a Xunta tería que "abandonalo" e optar por tratar de "estimular" o crecemento da economía e a mellora dos servizos públicos, pero "non o fai".

Deste xeito, defendeu que o Executivo galego debería "cambiar as súas políticas austericidas, das que Feijóo é un alumno avantaxado", por "unha novo paradigma máis keynesiano e expansivo".

 "ACERTADOS" PARA O PPDEG

"Pouca sorpresa" recoñeceu Puy que lle causan as críticas e a insatisfacción dos grupos da oposición en relación a unhas contas que agora iniciarán a súa tramitación parlamentaria co obxectivo de que a súa aprobación definitiva na Cámara se produza antes das festas do Nadal.

Puy destacou que o Goberno que dirixe Feijóo "cumpre os seus compromisos" en diversos ámbitos, salientou as melloras das condicións salariais dos empregados públicos e o incremento de recursos humanos en áreas como a sanitaria, a educativa ou os servizos sociais, o que se plasma no gasto de persoal.

Tamén defendeu a "suba importante do investimento" e unha política fiscal, con novas rebaixas de impostos, que busca favorecer o consumo e tamén o aforro para fomentar tamén por esta vía o investimento.

En definitiva, ao seu xuízo, as contas plasman a aposta pola reactivación "vía gasto e vía ingreso". "Son uns orzamentos acertados para o que se quere nestes momentos: reactivar e transformar Galicia", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta