O Goberno central só ve viable trasladar ENCE

A Xunta recrimina que se fale de "demoler" esa planta, xa que supón destruír empregos. A APDR pedirá a execución "de inmediato" da sentenza e vaticina que restan dous anos para que deixe Lourizán.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 20/10/2021 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno, José Miñones, insistiu este mércores na liña traslada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e defendeu que a postura do Executivo central é a recolocación da pasteira Ence, actualmente nos terreos de Lourizán, e cuxa localización conta xa con tres sentenzas da Audiencia Nacional que a consideran ilegal.

Fábrica de Ence en Pontevedra
Fábrica de Ence en Pontevedra | Fonte: Santos-Diez - Europa Press.

Neste sentido, o Goberno central tamén advertiu de que a efectos prácticos, se a sentenza da Audiencia Nacional adquire firmeza, posto que anula a prórroga --do Goberno de Mariano Rajoy--, "o que procede, de acordo coa normativa de costas, é que o Ministerio se pronuncie sobre o destino das instalacións, previamente á reversión dos terreos ao Estado". E nese pronunciamento, pódese expor "unha saída ordenada e un calendario razoable de demolición".

Sobre este posicionamento, pronunciouse o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, quen lamentou que cando o Goberno fala de "demoler", fáltalla "sensibilidade", á vez que supón a destrución de empregos.

"Eu creo que cando estamos a falar diso, cando falamos de demoler edificacións, é dunha insensibilidade absoluta. Esas edificacións serven para que moita xente vaia traballar e, por tanto, imos pensar na xente e non en demoler edificacións", subliñou Rueda, en declaracións aos medios.

Pola súa banda, o delegado do Goberno, nunha entrevista na Televisión de Galicia, matizou que "máis" que falar de demolición, o Goberno céntrase en "recolocar" a pasteira.

Ademais de lembrar que as competencias industriais están en mans da Xunta, ao estar recollidas no artigo 34.4 do Estatuto de Autonomía, advertiu de que o Executivo "non vai ir en contra dunha sentenza xudicial" e lamentou que a Xunta lle "pida facer cousas ilegais". Por iso, insistiu na opción de "recolocar a planta de Ence, que é posible".

Sobre a formulación de adscribir os terreos ao porto para salvar a ilegalidade da súa prórroga pola localización, Miñones incidiu en que esa cuestión se puxo enriba da mesa en 2006 e "descartouse". Por iso, insistiu na "aposta polo traslado".

SENTENZA

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) avanzou que demandará a execución "de inmediato" da sentenza que anula a prórroga a Ence para continuar na ría de Pontevedra, á vez que vaticinou que restan "como máximo" dous anos para que a pasteira abandone Lourizán.

Así o dixo este mércores o presidente da APDR, Antón Masa, quen mostrou a súa satisfacción pola nova sentenza da Audiencia Nacional, a terceira que emite este tribunal contra a prórroga concedida no ano 2016 polo goberno presidido por Mariano Rajoy á fábrica pasteira para ocupar terreos de dominio público marítimo-terrestres na ría de Pontevedra.

"Esta terceira sentenza dificulta máis aínda o éxito dos recursos presentados por Ence, que entendemos que o Tribunal Supremo debería inadmitir", sinalou o presidente do colectivo ecoloxista, que afirmou qe esperan que o fallo "definitivo" se manteña "nunha liña semellante" ás decisións xa adoptadas.

Entenden que quedou "claro" que "non se pode lexitimar a presenza de Ence en Lourizán, xa que contradí a Lei de Costas", polo que "tan só queda, tal e como dixo o Goberno central, iniciar a demolición de Ence en Lourizán, abríndose así un futuro para a ría de Pontevedra".

Antón Masa precisou que nesta última sentenza da Audiencia Nacional que estima a denuncia da APDR a principal diferenza coas outras dúas sentenzas, en relación aos recursos presentados polo Concello de Pontevedra e por Greenpeace, atópase en que nesta última rexéitanse os informes da Autoridade Portuaria, que alegaba que a actividade de Ence era fundamental para o porto de Marín.

Masa tamén anunciou que no momento no que a Audiencia Nacional emita o fallo definitivo, a Asociación pola Defensa da Ría pedirá a execución inmediata da mesma, ao entender que "as sentenzas están para cumprirse". "Non nos vale iso de darlle un prazo á empresa para que busque solucións", apostilou.

O presidente da APDR lembrou que Ence contou con 30 anos para buscar unha solución "e non quixeron buscar alternativas, principalmente porque contou coa axuda do PP e da Xunta de Galicia".

Tamén lamentou que os traballadores "orientasen mal a súa loita" ao non reclamar esas alternativas á dirección da empresa durante os últimos anos. "A nosa asociación nunca foi en contra dos traballadores, era a empresa a que tiña na súa man evitar a desaparición dos postos de traballo", apostilou Masa.

A APDR ten previsto iniciar unha campaña con diversos axentes para fomentar actividades económicas sustentables para a ría a partir do momento en que Ence se vexa obrigada a abandonar a súa localización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta