O traballo de limpeza; feminización, invisibilidade e convenios

As traballadoras e traballadores da limpeza de edificios son un cadro de persoal invisibilizado para a sociedade. Xusto o 20 de novembro é o Día do Agradecemento ao Persoal de Limpeza, un sector que ademais conta cunha das taxas de feminización máis altas dentro do mundo laboral. A isto súmaselle que a maior especialización dentro da limpeza, son os homes os que ocupan a maioría deses postos especializados

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 24/10/2021 | Actualizada ás 22:35

Comparte esta noticia

O 20 de novembro é o Día do Agradecemento ao Persoal de Limpeza, apunta Miguel Ángel Vila presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Limpeza de Edificios e Locais de Pontevedra. A pesar de ser un sector máis que necesario, socialmente existen aínda “tabús” que non se superaron. “Se unha empresa envía un home pasar a fregona e limpar mesas a unha oficina, por exemplo, é frecuente que o cliente que contratou o servizo chame á empresa preguntando porque enviaron un home” sinala tamén Vila. E é que este sector conta cunhas cifras de feminización moi altas, entre o 75 e o 80%. Logo está a división do traballo segundo as categorías laborais, pois en canto condución de maquinaria especial ou limpezas especiais como cristais ou limpeza en ruta, son maioritariamente homes quen levan adiante estas tarefas.

Manifestación das traballadoras da limpeza en folga.
Manifestación das traballadoras da limpeza en folga.

FEMINIZACIÓN

A limpeza é un sector que no 90% dos casos está feminizado. A isto súamaselle segundo María Jesús García da UGT, que é un labor  “invisible, porque as empresas son prestamistas de man de obra, ademais de que as xornadas son moitas veces a tempo parcial”. García tamén fai fincapé en que “dentro deste traballo non se promociona a muller como debera, porque comeza a traballar como limpadora e xubílase como limpadora”. Non obstante os homes poden pasar a ser peón especialista ou condutor.

Dentro da provincia da Coruña nas empresas de limpeza as mulleres son case o 95% do persoal, todo porque a visión tradicional é a de ter á muller como a que leva os coidados e a limpeza”, di Alejandra Gesto, de CCOO. “Dos 30.000 traballadores totais da limpeza en Galicia, a porcentaxe de feminización é do 78%. Todo pola percepción social que ademais implica que se divida por sexos as diferentes categorías laborais” di Paulo Rubido da CIG.

Miguel Ángel Vila, da asociación de empresarios da limpeza na provincia de Pontevedra, subliña que a sociedade, aínda hoxe, non é capaz de imaxinar un home limpando “parece que non estamos afeitos a ver un home pasando unha fregona, pola contra si está normalizado ver homes limpando fachadas de cristais ou usando maquinaria”. Con todo, timidamente xa se dan pasos para unha equiparación nestes traballos.


CONVENIOS, SALARIOS E XORNADAS

Non hai un marco laboral galego para a limpeza, son marcos ou convenios provinciais.  “A ordenación laboral española vén do franquismo e era estatal, logo nos sesenta e setenta foi cando se negociaron en base á división territorial que era a provincia” sinala Rubido. Isto trae diferenzas entre provincias? “As diferenzas entre Coruña e Lugo non son substanciosas, aínda que Lugo avanzou en melloras sociais como licenzas por familiares de 3º grao (tíos e sobriños) ou días propios retribuídos” di María José García.

Miguel Ángel Vila apunta que en canto convenios “Coruña e Pontevedra están case ao mesmo nivel, non hai excesiva diferenza e se a hai sería nos salarios pero é unha diferenza moi reducida”. Sobre a tipoloxía de empresas que actúan en Galicia, Vila responde que “o 97% das empresas na nosa Comunidade son PEMES de 200 traballadores para abaixo”. Vila e Rubido (CIG) coinciden en que o convenio da limpeza da provincia de Pontevedra é o cuarto mellor do Estado.

Por outra parte, coa suba do Salario Mínimo Interprofesional, os diferentes convenios galegos viron como a súa parte salarial acabou equiparada co SMI. “ Hai incrementos como o de Ourense que en 2022 será do 2%, na Coruña temos 944,46€ de salario base que asinamos hai pouco” di María Jesús García.

Sobre as xornadas laborais existe unha peculiaridade, a posibilidade de que unha persoa traballe para dúas ou máis empresas durante os días laborais. “Isto sucede cando unha empresa subroga un ou unha traballadora, por exemplo unha limpadora nun banco traballa unha ou dúas horas para unha empresa, nunha comunidade de veciños traballa dúas horas para outra empresa e pode haber unha terceira empresa onde esa mesma traballadora limpe unha oficina” explica Miguel Ángel Vila.

Este pluriemprego é frecuente tamén porque “con 4 horas ou 5 horas á semana non che dá para levar unha vida” di Alejandra Gesto. Ademais hai que engadir que, en canto contratacións, segundo o Estatuto dos Traballadores, as empresas deberan ampliar horarios a empregados e empregadas en caso de horarios inferiores ás 8 horas. No caso de non dar cuberto as prazas necesarias, a empresa pode ofertar vacantes. Non obstante, desde CCOO apuntan que é frecuente aumentar as horas de traballo sen seren recoñecidas como xornada laboral senón con denominacións como “plus voluntario”. “O prezo dunha hora de “plus voluntario” é de 4 ou 5€ fronte aos 9€ dunha hora normal”.

Dentro do sector da limpeza quenda moitos temas por tratar, desde a formación ás doenzas e ás contratacións baixo convenio pero que logo realizan tarefas non recollidas no texto legal. A visibilización do sector e a equiparación salarial e profesional son parte dos puntos que empresas e sindicatos teñen aínda por negociar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta