Os orzamentos da Xunta non salvan unha sanidade "abocada ao colapso", denuncia a CIG

Concéntranse ás portas da Sergas para protestar contra os salarios "roubados" dende 2010.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2021 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A presentación dos orzamentos da Xunta de Galicia veñen de provocar un pequeno tremor informativo que, porén, deixa as placas tectónicas da política galega tal e como estaban antes de coñecerse as contas. Os sindicatos rexeitáronas á vez que a Xunta sacou peito. De aí que a CIG-Saúde se siga mobilizando por unha das principais demandas dos últimos meses no eido da sanidade: os salarios "roubados" aos profesionais do Sergas.

Concentración dos sindicatos CIG, CC.OO., UGT, CSIF e Satse ante a Consellería de Sanidade, a 19 de outubro de 2021.
Concentración dos sindicatos CIG, CC.OO., UGT, CSIF e Satse ante a Consellería de Sanidade, a 19 de outubro de 2021. | Fonte: Europa Press

Na mañá deste xoves, a Confederación concentrouse de novo ás portas do Sergas para denunciar a desiguldade que sofren os traballadores do Sergas dende 2010 con respecto aos incrementos dos salarios públicos que si se produciron noutros eidos do funcionariado dependente da administración autonómica. 

A CIG rexeita así os orzamentos da Xunta para 2022 en materia de Sanidade, porque “nin contemplan a recuperación de dereitos, nin cobren as necesidades do sistema sanitario público”, segundo destacan. A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, reiterou a demanda de que se recolla unha partida orzamentaria para poñer en marcha un calendario de recuperación dos salarios do persoal da sanidade pública suspendidos desde o ano 2010.

“Lamentamos que tanto o conselleiro como Feijóo presuman da boa marcha da pandemia covid en Galiza, cun recoñecemento hipócrita ao traballo desenvolvido polas profesionais, mentres seguen roubando os seus salarios e que non haxa un mínimo intento de establecer ese calendario de negociación”. Abuín destacou que a CIG-Saúde está disposta a aceptar que ese calendario se execute en varios exercicios orzamentarios “pero ten que executarse”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde considera que con este orzamento a atención primaria seguirá "abocada ao colapso, instalada na precariedade e diminuíndo a calidade asistencial". Por iso fixo un chamamento ás organizacións políticas parlamentarias, nomeadamente ao PP, para que atendan as demandas das e dos profesionais e da sociedade no referido a sanidade pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta