O paro aumentou en todas as comarcas coruñesas, "hiperdependentes do turismo"

O 30% das prazas en establecementos turísticos en 2021 na provincia da Coruña están en vivendas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2021 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

O paro aumentou en todas as comarcas coruñesas durante o ano 2020, segundo o informe de conxuntura económica que presentou este xoves o Club Financeiro de Santiago. De acordo co estudo, a provincia continúa mostrando unha "forte dependencia" do sector servizos e, pola contra, un "baixo peso" da industria.

En concreto, o sector servizos supera o 70% do valor engadido bruto total e a industria supón o 17,3%. Séguenlles construción (7,4%) e sector primario (4%). As exportacións da industria da confección de roupa baixaron 2,6 puntos por mor da pandemia do coronavirus, resaltaron os autores do traballo. En xeral, e durante a última década, as vendas no exterior da provincia coruñesa creceron unha media anual do 2,6%.

Pola súa banda, o 30% das prazas en establecementos turísticos en 2021 están en vivendas de uso turístico. En concreto, a oferta na Coruña é de 78.034 prazas, o 36,7% do total galego, e as que se atopan en vivendas de uso turístico representan o 30% (23.560).

A docente de organización de empresas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Bastida advertiu de que "o malo" é a "hiperdependencia" do turismo e do sector servizos, non así a dependencia. Mentres, a profesora titular de economía aplicada da USC Maite Cancelo expuxo as principais conclusións deste documento, que é o cuarto que edita o club financeiro compostelán.

Entre os puntos fortes, apuntan á localización e ás potenciais melloras "a curto prazo" das comunicacións coa finalización do AVE e a súa extensión ao norte de Portugal. Ambas as profesoras sinalaron que será necesario esperar para coñecer "o impacto real da pandemia", tendo en conta que aínda quedan empregados en situación de ERTE, por exemplo.

"O IMPORTANTE, O COMO"

Respecto diso, o titular de economía pública da USC Miguel Vázquez Taín advertiu de que "máis que o cando, é importante o como" se sairá da crise, para o que avogou por "poñer as luces de medio-longo alcance".

"Para ese como, A Coruña ten unhas capacidades que aínda non están completamente aproveitadas. Falta xerar un ecosistema favorable para o investimento, non só recuperar as actividades que sufriron, senón xerar novas, atraer capital estranxeiro para dar un salto cualitativo", chamou a atención.

En relación cos orzamentos xerais do estado, Bastida pediu partidas para o tren do norte, a autovía Santiago-Lugo e a conexión con Portugal.

Presentación do informe do Club Financeiro de Santiago. CLUB FINANCEIRO DE SANTIAGO
Presentación do informe do Club Financeiro de Santiago. CLUB FINANCEIRO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta