O Parlamento galego solicita a reactivación do programa de coidados porta a porta no rural galego

O Parlamento pide ao Goberno unha batería de medidas para que se recuperen servizos e se modernice o tren, ademais de que a ampliación do CHUO inclúa espazos para actividades de asociacións de pacientes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2021 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia insta á Xunta a reactivar, a medida que se normalice a situación sanitaria, as unidades móbiles do programa de coidados porta a porta no rural galego. Así o recolle unha iniciativa defendida polo Grupo Popular na Comisión 5ª, aprobada por unanimidade, na que o Parlamento insta á Xunta "a reactivar, a medida que se normalice a situación sanitaria, as unidades móbiles que levan ata a porta das persoas maiores que viven no rural galego", servizos gratuítos como o "de oftalmoloxía, podoloxía ou atención ao alzhéimer", así como "servizos de apoio, co fin de facerlles a vida máis fácil sen ter que desprazarse fóra do contorno".

O portavoz popular de asuntos sociais, Alberto Pazos, lembrou que o Goberno galego puxo en marcha en 2019 o programa de coidados porta a porta deseñado para achegar ao medio rural os servizos sociais de proximidade. A través desta iniciativa, á que o BNG presentou unha emenda que non foi aceptada polo PPdeG, "máis de 2.100 persoas de 20 concellos rurais gozaron de servizos de oftalmoloxía, podoloxía, prevención de alzhéimer e outros servizos de apoio persoal e asesoramento en diversas cuestións relacionadas coa economía familiar", sinala o PP.

A través dun comunicado, o Grupo Popular lembra que "o obxectivo da Xunta para 2020 era estender este programa ata 200 concellos do rural galego", pero "a pandemia da Covid-19 obrigou a suspendelo para evitar contagios indeseados entre os usuarios", abundou Alberto Pazos.

Vista xeral do Parlamento Galego, durante o minuto de silencio en recordo ao falecido conselleiro de Facenda, momentos previos ao comezo do Debate sobre o Estado da Autonomía, no Pazo do Hórreo, a 13 de outubro de 2021, en Santiago de Compo. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Vista xeral do Parlamento Galego, durante o minuto de silencio en recordo ao falecido conselleiro de Facenda, momentos previos ao comezo do Debate sobre o Estado da Autonomía, no Pazo do Hórreo, a 13 de outubro de 2021, en Santiago de Compo. Álvaro Ballesteros - Europa Press

MODERNIZACIÓN DO TREN

O Parlamento galego tamén reclamou ao Goberno --tras unha proposta do PPdeG transaccionada co BNG-- unha batería de medidas en relación co tren en Galicia para que restableza todos os servizos e frecuencias antes da pandemia, así como para que haxa unha modernización e rebaixas na liña de Avant entre Santiago e Ourense.

Esta proposta, aprobada por unanimidade na Comisión de Ordenación Territorial, reclama a restitución de todos os trens hotel entre Galicia e Madrid e Barcelona, así como os rexionais e o ferrocarril de longa distancia co resto de España e Portugal. Igualmente, requírese que fagan parada todos os trens de longa duración que pasen pola estación de Vilagarcía con destino ou orixe en Madrid.

Finalmente, a Cámara insta a que haxa unha aposta decidida pola potenciación do tren como modo de mobilidade sustentable, cunha modernización de infraestruturas e de conexión, así como unha implantación do tren de proximidade.

Por outra banda, o PPdeG sacou adiante, co rexeitamento da oposición, unha iniciativa para instar á Xunta a que remita un informe xurídico ao Goberno central para esixir que "se efectúe a necesaria reforma lexislativa que axude a poñer freo ao fenómeno da ocupación de vivendas".

AMPLIACIÓN CHUO

Así mesmo, o Parlamento galego insta á Xunta a que a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) inclúa espazos para actividades de asociacións de pacientes. Así se recolle nunha proposición non de lei defendida polo Grupo Popular en comisión parlamentaria este xoves e aprobada por unanimidade tras rexeitar o PP unha emenda do PSdeG.

En concreto, a proposición recolle que o Parlamento de Galicia insta á Xunta a aproveitar o proxecto do novo edificio ambulatorio do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para renovar e ampliar os espazos asociativos do hospital, "incluíndo no proxecto deste novo edificio espazos de uso común para as actividades das asociacións de pacientes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta