A Xunta asume a tutela do menor que agrediu unha moza no Carballiño

A vítima, despois de 40 días entre a UCI e a unidade de reanimación, foi trasladada a planta a noite do martes.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 21/10/2021 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O menor, de 13 anos, que agrediu unha amiga no Carballiño o pasado mes de setembro ingresou nun centro de protección de menores.  A Administración autonómica asumiu a súa tutela e ordenou o ingreso nunha institución destinada a crianzas conflitivas ou con necesidade de tratamento terapéutico.

O agresor foi avaliado no Hospital Clínico de Santiago de Compostela (CHUS) desde onde lle deron a alta para ser ingresado no centro de menores. O neno non será xulgado dado que, cando tivo lugar a agresión, tiña 13 anos, o que o converte en inimputable desde o punto de vista penal por ter menos de 14 anos.

É por iso que familiares e amizades da vítima recollen firmas a través de Change.org para solicitar o cambio na Lei do Menor e que "ninguén xogue coa legalidade e experimente coa vida dunha persoa". A petición xa acumula case 11.000 rúbricas.

Mentres, a vítima, despois de 40 días entre a UCI e a unidade de reanimación, foi trasladada a planta a noite do martes. O alcance das lesións foi grave, polo que aínda non se coñecen as secuelas. "Oficialmente está fóra de perigo, agora comeza a loita porque a miña irmá a pesar das lesións poida ter unha vida o máis plena posible", compartiu a súa irmá.

O próximo 30 de outubro realizan unha nova marcha que parte desde a Igrexa da Veracruz no Carballiño ata a Praza Maior do mesmo concello, coa que volverán pedir a reforma da Lei do Menor.

Varias mulleres sosteñen imaxes da moza agredida no Carballiño durante unha concentración de repulsa ao suceso. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Varias mulleres sosteñen imaxes da moza agredida no Carballiño durante unha concentración de repulsa ao suceso. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta