Gaiteiros de España e Portugal inician en Noia e Mondoñedo un espectáculo itinerante polo territorio galego

17 músicos achéganse dende Portugal, Asturias, Castela e León e Cataluña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2021 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

A Xunta, no marco da celebración do Xacobeo 2021-2022, promove desde este sábado o espectáculo itinerante 'Piperegrinos, as gaitas do Camiño', onde destacados gaiteiros de España e Portugal actuarán en oito municipios galegos ata o 31 de outubro.

A Praza do Curro de Noia (12,00 horas) e o Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo (19,00), serán as primeiras paradas deste encontro que, xa o domingo, viaxará ata a Praza Maior de Ribadavia (12,00) e ao Auditorio Valle-Inclán de Vilanova de Arousa (18,30). Este evento continuará o vindeiro sábado, día 30 de outubro, ás 12,00 horas na Praza do Concello de Cee e ás 19,00 no S.R. A Unión de Sarria; e finalizará o domingo 31 ás 12,00 na Praza García Barbón de Verín e ás 18,30 no Auditorio de Torroso de Mos.

'Piperegrinos, as gaitas do Camiño' é un espectáculo musical itinerante que reúne no mesmo escenario a gaiteiros da Península Ibérica "cunha longa e recoñecida traxectoria artística profesional", tal e como destaca a Xunta.

É un espazo de difusión e posta en valor das diferentes gaitas e dos seus repertorios nun "formato actual aproximado á música folk e dirixido a todos os públicos, no que tamén ten cabida o público especializado". De feito, este acontecemento situará a Galicia "como punto de referencia do encontro e convivencia" deste instrumento.

O programa de 'Piperegrinos' inclúe a participación de seis intérpretes de gaita que actuarán en formacións trío e dúo, coa participación de 17 músicos en total que chegan non só desde Portugal, senón tamén desde comunidades como Asturias, Castela e León e Cataluña.

Cartel do espectáculo itinerante 'Piperegrinos. As gaitas do Camiño', da Xunta.. XUNTA
Cartel do espectáculo itinerante 'Piperegrinos. As gaitas do Camiño', da Xunta.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta